A revista Media & Jornalismo abre unha chamada de artigos para investigacións sobre a “Construción da audiencia algorítmica”

A revista científica Media & Jornalismo, publicada polo ICNOVA – NOVA Communication Institute, abriu unha nova convocatoria de artigos para o seu volume 26, número 49 (2026), titulada “Building the Algorithmic Audience: Shifting Paradigms in Communications, Media, and Democracy”, dedicada a analizar como os algoritmos están a transformar a conceptualización e a construción das audiencias na esfera pública dixital.

O número está editado pola investigadora e investigador do grupo Novos Medios, Berta García Orosa (Universidade de Santiago de Compostela) e Noel Pascual Presa (Universidade de Santiago de Compostela), en colaboración con Inês Amaral (Universidade de Coimbra). Esta chamada de artigos convida a presentar investigacións orixinais e interdisciplinares que examinen o papel da intelixencia artificial, o big data e os sistemas algorítmicos na produción, distribución e personalización da información.

A convocatoria busca especialmente traballos que aborden cuestións como o xornalismo automatizado, a microsegmentación de audiencias, os sesgos algorítmicos, a transparencia e a rendición de contas dos sistemas de recomendación, así como as implicacións democráticas, éticas e regulatorias da personalización mediada por algoritmos. Tamén se anima a presentar estudos comparados, investigacións sobre audiencias novas, alfabetización mediática ou novas metodoloxías para analizar audiencias hipersegmentadas.

O prazo para o envío de artigos está aberto ata o 30 de abril de 2026 e os traballos poden presentarse en inglés, español ou portugués a través da plataforma da revista. A publicación dos artigos realizarase en edición continua entre setembro e decembro de 2026.

Máis información nesta ligazón.

Esta chamada de artigos forma parte dos proxectos de I+D+i Inteligencia artificial en medios digitales en España: efectos y roles (PID2024-156034OB-C22), financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e “FEDER/UE”; e (d)e-HATE – Exploring Cyber Hate: Online Racism Targeting Immigrant and Racialized Communities in Portugal (2024.18170.PEX).