Local Journalist Index, o proxecto que examina a cobertura local de cada condado dos EUA

A plataforma Muck Rack e a organización Rebuild LocalNews presentaron os resultados do Local Journalist Index, que amosa como a cobertura xornalística local nos Estados Unidos de América (EUA) sufriu un descenso dramático no que vai de século. Segundo o informe, no ano 2000 había arredor de 40 xornalistas por cada 100 000 habitantes, mentres que en 2025 ese número caeu a 8,2. Trátase dunha diminución aproximada do 75%, utilizando unha medida innovadora chamada Equivalentes de Xornalistas Locais (LJE en inglés).

O proxecto revela a existencia de moitas zonas sen cobertura efectiva: máis dun terzo dos condados dos EUA non teñen nin sequera o equivalente a un xornalista local a tempo completo. En total, arredor de 1.000 condados carecen de profesionais suficientes para informar sobre asuntos como decisións do goberno local ou eventos.

Ao contrario do que se podería pensar, esta crise afecta a todo tipo de comunidades. Condados urbanos e suburbanos, mesmo en cidades grandes como Os Ánxeles, tamén teñen un número moi reducido de xornalistas locais por habitante. Isto implica que en moitos lugares a cobertura de noticias unicamente ocorre en casos de sucesos importantes, pero non en temas que afectan á vida cotiá das persoas. É rechamante que algúns condados con máis de 150.000 habitantes non cheguen a acadar un xornalista, como sucede en Paulding (Georgia), DeSoto (Mississippi) ou Onslow (Carolina do Norte).

Asemade, o problema repítese en áreas moi dinámicas, con rápidos crecementos de poboación. Por exemplo, os condados de Fort Bend County (Houston, Texas) o Maricopa (Phoenix, Arizona). Os medios locais de Houston e Phoenix cobren esas zonas, pero normalmente só cando hai un incidente de enormes danos materiais e persoais.

Porén, nalgunhas comunidades pequenas, con xornalistas moi activos (o informe identifica profesionais deste perfil en Dakota do Sur ou Nebraska), a proporción de cobertura por habitante resulta ser especialmente elevada, contrastando coa tendencia xeral de escaseza.

O índice tamén mostra diferenzas significativas entre estados: algúns teñen varias veces máis xornalistas locais por 100.000 habitantes que outros. Malia que os estados rurais predominan na parte superior da lista, é difícil atopar patróns baseados só no tamaño.

Os autores salientan que as condicións de cada territorio, incluíndo patróns de propiedade dos medios de comunicación, poderían explicar certas diferencias. Ademais, agardan que estes datos sirvan como ferramenta para orientar investimentos filantrópicos, políticas públicas e iniciativas empresariais que poidan axudar a revitalizar o xornalismo local.

A información completa está dispoñible nesta ligazón: https://muckrack.com/research/local-journalist-index