Grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela
O grupo Novos Medios naceu no ano 1999 no seo da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Coordinado polo catedrático Xosé López García, a súa liña central de investigación foi –desde o inicio- e segue sendo o impacto e a relación das tecnoloxías cos cambios no ámbito da comunicación –tanto na produción como na difusión e a recepción– e na divulgación do coñecemento.
Durante o ano 2012 e co obxectivo de conformar un equipo plenamente interdisciplinar, Novos Medios fusionouse co equipo de investigación dirixido por Carlos Ferrás Sexto denominado GIS-T (Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio). A día de hoxe o grupo conta con 24 investigadores e investigadoras que traballan de maneira conxunta e complementaria producindo achegas no ámbito científico desde unha perspectiva multidisciplinar e poliédrica.
O actual Novos Medios conta cunha experiencia de máis de 20 proxectos financiados en convocatorias públicas nos últimos 10 anos e decenas de contratos de transferencia con axentes do ámbito privado que contribúen a que se abra e manteña un fluxo efectivo de coñecemento e experiencia acumulada no ámbito académico de fronte ao sector privado.
Pode consultar máis sobre o grupo de investigación Novos Medios e os seus integrantes na súa web novosmedios.gal.