O sector dos medios en Europa perante o auxe da economía da atención: perspectivas da UE
A Unión Europea (UE) leva meses difundindo os resultados da segunda edición do informe Perspectivas da Industria dos Medios de Comunicación (Media Industry Outlook report), que dende 2019 trata de sintetizar o estado do mercado dos medios en Europa. A súa visión do sector é ampla, incluíndo os entes xornalísticos, o audiovisual, os videoxogos ou a realidade aumentada.
Baseado en investigacións independentes e enquisas aos consumidores, o documento salienta as tendencias chave para a industria dos medios de comunicación, dende o consumo de noticias ata os niveis de confianza ou a viabilidade dos modelos de negocio.
En primeiro lugar, o sector europeo está profundamente inmerso na chamada economía da atención, onde plataformas en liña captan cada vez máis á audiencia facendo competencia directa aos medios tradicionais. O consumo das noticias non desapareceu, pero mudou de forma: os cidadáns europeos consomen principalmente contidos curtos e dixitais a través das redes sociais antes de acudir aos medios, aínda que a televisión e a radio públicas continúan sendo consideradas fontes máis fiables en case todos os estados membros. Tamén se detectan amplas diferenzas xeracionais no uso dos medios.
Seguindo co anterior, unha gran maioría de europeos (87%) segue consultando noticias a diario e unha proporción significativa percibe a información profesional como fiable. Con todo, esa confianza non se traduce en vontade de pagar por contidos, xa que se sinala que o 66% dos cidadáns non quere subscribirse aos medios. Isto agrava a dificultade dos modelos de negocio tradicionais para xerar ingresos suficientes.
Asemade, prodúcese unha “plataformización” na que o papel da IA está a mudar fortemente o sector. Grazas á xeneralización desa tecnoloxía, a produción de contidos é máis rápida e accesible, pero tamén intensifica a competencia entre actores con máis recursos e as plataformas tecnolóxicas que dominan a atención e a distribución. Os pequenos editores teñen menos capacidade para investir en ferramentas tecnolóxicas, o que leva a unha expansión de contidos de baixa calidade e desinformación.
Pola súa banda, o informe reflicte que os ingresos publicitarios dos medios informativos caeron de 84,3 mil millóns de euros en 2019 a 77,2 mil millóns en 2023, afectando especialmente ao sector da prensa escrita, que tamén perde circulación. Mentres tanto, as plataformas en liña captan unha porcentaxe crecente destes ingresos publicitarios, poñendo en risco a viabilidade económica dos medios tradicionais en case todos os estados da UE.
Cunha diminución notable do emprego no sector, o informe conclúe que os modelos de negocio clásicos xa non son suficientes por si mesmos. Semella que os medios deben adoptar enfoques centrados nas audiencias e explorar novas fontes de ingresos, incluíndo actividades propias e a colaboración coa economía de creadores que triunfa nas redes sociais, co gallo de garantir a sostibilidade da información de calidade.
Neste contexto, os medios locais e pequenos continúan sendo os máis vulnerables, como evidencia a aparición de “desertos informativos”. Este tipo de medios dependen frecuentemente de doazóns (por exemplo, de grandes corporacións como Meta ou Google), subvencións públicas nos países deles ou fondos europeos.
O documento atópase dispoñible nesta ligazón da European Federation of Journalists: https://europeanjournalists.org/blog/2025/12/22/2025-media-industry-outlook-report-media-business-models-hit-hard-by-the-attention-economy/