ChatGPT é utilizado de maneira masiva para obter información local, pero non achega fontes
O uso xornalístico que a cidadanía lle dá ás ferramentas de IA está aínda sen explorar. OpenAI vén de fornecer algo de luz na materia no relativo a ChatGPT. Segundo os seus datos oficiais, recollidos por NiemanLab, o sistema recibe arredor dun millón de consultas semanais relacionadas con novas locais. A maior parte dos prompts introducidos procuran información sobre eventos, o horario de funcionamento de negocios e instalacións, resposta a emerxencias ou cuestións de seguridade.
Este volume crecente suxire que moitas persoas consideran a IA como unha alternativa aos medios tradicionais, especialmente para obter respostas rápidas e personalizadas. A propia OpenAI sinala que quere desempeñar un papel máis activo na distribución de información local, un ámbito especialmente afectado pola crise dos medios, aínda que non clarifica como máis aló da iniciativa de colaboración Axios Local.
Porén, este crecemento presenta notables limitacións. Un estudo recente tamén citado por Nieman Lab subliña que chatbots como ChatGPT, Claude, Gemini ou Grok teñen dificultades á hora de atribuír correctamente as fontes xornalísticas das que extraen información.
O peor caso é do ChatGPT, xa que incorpora contido recoñecible de medios en máis da metade das respostas, pero nunca menciona explicitamente o medio de orixe. Isto implica que os usuarios reciben información xornalística sen saber quen a produciu, o que ten un importante impacto en termos de transparencia.
Estas dúas tendencias debuxan un escenario ambivalente. Por unha banda, amplíanse as vías de acceso á información; pola outra, o rol xornalístico queda algo esvaecido. Sen ese recoñecemento, a sustentabilidade dos medios de proximidade volve estar en perigo, algo inquietante en tanto que supoñen a única maneira de poder coñecer o que acontece en numerosos territorios a nivel global.
As pezas de NiemanLab pódense consultar nas seguintes ligazóns: https://www.niemanlab.org/2026/02/chatgpt-is-asked-about-local-news-1-million-times-per-week-openai-says/