Manuel Gago, premio de divulgación científica para novas audiencias da USC

Manuel Gago Mariño e Elena Vázquez Abal veñen de ser recoñecidos no marco da primeira edición dos premios á divulgación científica da Universidade de Santiago de Compostela. Elena Vázquez impúxose na modalidade dirixida a poñer en valor a traxectoria divulgadora, en tanto que Manuel Gago gañou na categoría que recoñece proxectos ou iniciativas que empregan de forma creativa e eficaz as novas plataformas dixitais e os formatos emerxentes para comunicar a ciencia e atraer novos públicos.

O xurado valorou o espíritu pioneiro de Manuel Gago nas redes sociais, especialmente en Facebook, X e Instagram, ao tempo que destacou o carácter innovador, transversal e transformador da actividade de divulgación que realiza este profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación, director de Culturagalega.gal e membro de Novos Medios.

Estes galardóns, convocados por primeira vez pola USC, teñen unha dotación económica de 2.500 euros por cada modalidade e contan co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e do xornal La Voz de Galicia.