Rexistro de propiedade intelectual do software SeriesFAN: unha innovación baseada en IA para a promoción de series televisivas

O pasado 20 de xuño de 2024, formalizouse oficialmente o rexistro de propiedade intelectual do software SeriesFAN, un xerador de bots por intelixencia artificial (IA) destinado á promoción de series televisivas. Este avance foi impulsado polo proxecto VALCOMM (PID2021-122386OB-I00), titulado Medios audiovisuais públicos ante o ecosistema das plataformas: modelos de xestión e avaliación de valor público de referencia para España.

O desenvolvemento de SeriesFAN é froito do traballo dos membros do grupo de investigación de Novos Medios Isaac Maroto, Miguel Túñez e Marta Rodríguez Castro, que asinaron a autoría deste rexistro de propiedade intelectual. O software ten a súa orixe na tese doutoral A autopromoción das series nas plataformas televisivas, defendida en 2023 polo investigador Isaac Maroto González, quen obtivo unha cualificación de sobresaliente cum laude, posteriormente potenciouse conceptualmente co apoio de Marta Rodríguez Castro e José Miguel Túñez e pola elaboración técnica de Ozono Multimedia.

SeriesFAN é un software innovador baseado en intelixencia artificial que permite a creación de bots integrados na narrativa de series televisivas, asumindo o rol de personaxes ficticios. Estes bots poden establecer unha comunicación personalizada, conversacional e interactiva cos usuarios a través de WhatsApp, promovendo novas series e episodios e favorecendo o desenvolvemento da comunidade de fans.

A ferramenta SeriesFAN presentouse durante o congreso RIPE PSM, celebrado en Lisboa o 18 de maio de 2024, e actualmente atópase en fase de explotación por parte dos medios públicos interesados. Esta ferramenta simplifica o proceso de promoción de series en tres pasos, configurando a personalidade dun avatar para que coincida coa dun personaxe ficticio, permitindo así unha interacción próxima e personalizada coa audiencia.