Investigadores de Novos Medios editan un monográfico sobre eficiencia nos medios dixitais

Tres investigadores do grupo Novos Medios, José Sixto-García, Cruz Negreira-Rey e Ángel Vizoso, xunto co coordinador do grupo, Xosé López-García, coordinan un monográfico en El Profesional de la Información sobre eficiencia en medios dixitais. A chamada de artigos está aberta ata o 10 de decembro de 2024.

Os máis de 28 anos de xornalismo dixital demostraron unha realidade consolidada no profesional e no académico (Salaverría, 2019). Malia que os xeitos de facer xornalismo cambiaron máis nos últimos 24 anos que en toda a segunda metade do século pasado, os medios dixitais seguen confirmando a súa eficacia no día a día, pero xa non abonda con que sexan eficientes para alcanzaren un obxectivo concreto, senón que o contexto actual require unha eficiencia comunicativa conforme á mellor utilización posible dos recursos dispoñibles.

Precisamente son os recursos dispoñibles os que propician unha serie de desafíos constantes para adaptarse ás necesidades dunhas audiencias cada vez máis esixentes (Swart et al., 2022). Trátase de recursos tecnolóxicos (Pavlik, 2000) que posibilitan o xornalismo 360 ou o xornalismo dron (Lopezosa et al., 2021); recursos de intelixencia artificial que permiten a implantación do xornalismo robot (Liu, Liu & Jensen, 2020) ou de avatares de metaverso; ou recursos arquitectónicos que posibilitan novas formas de narrar e distribuír os contidos, ás veces mesmo mediante técnicas de cocreación que van máis aló da participación cidadá e que implican os públicos na ideación, no desenvolvemento e no márketing dos produtos xornalísticos (Sixto-García et al., 2022).

Esta evolución do xornalismo enmárcase nun modelo de ubicuidade comunicativa e plataformización en que o periodismo móbil cada vez se fai máis imprescindible tanto para a produción como para o consumo (Huh, 2020; van Dijck, Poell & de Waal, 2018). Os produtos xornalísticos esquecen o soporte en que se xeran e pasan a seren consumidos nunha contorna interactiva onde o dixital tornou totalmente social. Neste ecosistema tan cambiante e tan veloz a deontoloxía xornalística, a ética profesional e os órganos e sistemas de regulación son aínda máis importantes ca nunca para garantir á cidadanía que a información que recibe, por moi dixital que sexa, segue sendo veraz, transparente e o máis obxectiva posible.

Que os medios dixitais son eficaces suscita pouco debate, pero realmente son eficientes? Están aproveitando os novos medios todos os recursos dispoñibles para ofreceren un xornalismo mellor? Prímase a carreira tecnolóxica fronte á calidade dos contidos? É o xornalismo eficaz e eficiente?

Estas son só algunhas das preguntas ás que se intentará dar resposta neste número de El Profesional de la Información, que pretende, en definitiva, estudar a eficiencia comunicativa dos produtos periodísticos dixitais que se consomen na actualidade e dos que se vaticinan para un futuro próximo.

Entre os temas preferentes seleccionamos os seguintes:

  • Concepto de eficiencia comunicativa.
  • Eficacia e eficiencia en medios dixitais (nativos, herdados e matriciais).
  • Tecnoloxía e hi-tech para a eficiencia comunicativa.
  • Innovación e high innovation para a eficiencia comunicativa.
  • Deontoloxía periodística, regulación e autorregulación para a eficiencia comunicativa.
  • Papel das audiencias en medios eficaces e eficientes.
  • Competencias profesionais en redaccións eficientes.
  • Verificación e eficiencia.
  • Datos e eficiencia.
  • Intelixencia artificial e eficiencia robotizada.
  • Redes sociais como canle eficiente de distribución.

A publicación do monográfico está prevista para xullo de 2025.

Referencias

Huh, J. (2020). Smart Communication for a Digital World. Journal of Interactive Advertising20(3), 240-243. https://10.1080/15252019.2020.1849693

Liu, J., Liu, X. & Jensen, K. B. (2020). Comparative media studies in the digital age: Taking stock, looking ahead. International Journal of Communication, 14(7), 5754-5760.

Lopezosa, C., Codina, L., Fernández-Planells, A. & Freixa, P. (2021). Journalistic innovation: How new formats of digital journalism are perceived in the academic literature. Journalism, online first. https://10.1177/14648849211033434

Pavlik, J. (2000). The impact of Technology on Journalism. Journalism Studies, 1(2), 229-237.

Salaverría, R. (2019). Digital journalism: 25 years of research. Review article. El profesional de la información, 28(1), e280101. https://doi.org/10.3145/epi.2019.ene.01

Sixto-García, J., Silva-Rodríguez, A., Rodríguez-Vázquez, A. I. & López-García, X. (2022). Redefining journalism narratives, distribution strategies, and user involvement based on innovation in digital native media. Journalism, online first. https://10.1177/14648849211062766

Swart, J., Groot, T., Costera, I. & Broersma, M. (2022) Advancing a Radical Audience Turn in Journalism. Fundamental Dilemmas for Journalism Studies. Digital Journalism10(1), 8-22. https://10.1080/21670811.2021.2024764

van Dijck, J., Poell, T. & de Waal, M. (2018). The Platform Society: Public Values in a Connective World. Oxford University Press.