
A prestixiosa revista Digital Journalism publicará o número monográfico Operationalising the Audiovisual Turn in Digital Journalism, co fin de reunir investigacións punteiras que contribúan a comprender mellor como a produción, a circulación e o consumo de contidos xornalísticos están a transformarse nun ecosistema dominado polos formatos audiovisuais e, especificamente, nas plataformas de medios sociais.
O número está editado por Jonathan Hendrickx (University of Copenhagen), Sherwin Chua (Hong Kong Baptist University) e os investigadores de Novos Medios María Cruz Negreira Rey e Jorge Vázquez Herrero.
A convocatoria está aberta para contribucións teóricas e empíricas que traten de forma crítica o xiro audiovisual, como se manifesta e como evoluciona. Valoraranse especialmente os traballos con metodoloxías novidosas e diversas, as aportacións do sur global e os estudos comparados que reflictan diferencias entre plataformas e contextos. A continuación preséntase unha relación non exhaustiva de liñas temáticas:
- A desinstitucionalización do xornalismo audiovisual e a irrupción de actores non xornalísticos como influencers ou creadores de contido.
- A dependencia infraestrutural das plataformas, a ambigüidade algorítmica e a propiedade do contido audiovisual na era da plataformización.
- Evolución histórica do xornalismo audiovisual desde os formatos tradicionais até as plataformas actuais.
- Produción, contidos e recepción do xornalismo dixital centrado no audiovisual (vídeos verticais, shortform, audio, etc.) en medios nativos e redes sociais.
- Epistemoloxía e ontoloxía do xornalismo audiovisual.
- Experiencia informativa e interacción das audiencias con vídeos de curta duración e outros formatos audiovisuais.
- Produción e publicación de contidos informativos audiovisuais xerados con IA e o seu impacto desinformativo nun entorno mediado por algoritmos.
As propostas, como resumo de 500 a 750 palabras (excluíndo referencias) nun arquivo PDF, poden presentarse ata o 17 de abril de 2026 (18:00h CET) a través deste formulario.