O seminario de xornalismo e comunicación de risco pon en valor os resultados do proxecto sobre radon

O 20 de novembro celebrouse a xornada Xornalismo e comunicación de risco: estratexias e desafíos para informar sobre o gas radon, un encontro que reuniu a investigadores do grupo Novos Medios para analizar a percepción da opinión pública e a axenda informativa e debater as estratexias para informar de maneira efectiva sobre este gas radioactivo de orixe natural. Coordinada por Berta García Orosa, catedrática de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, a xornada enmarcouse no proxecto Radon en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC), financiado polo Consello de Seguridade Nuclear (SUBV-13/2021).

Durante o evento, realizáronse catro intervencións ao redor da percepción, os retos e as estratexias para comunicar sobre o radon:

  1. Percepción do gas radon: coñecementos, risco e comunicación
    Presentado por Jorge Vázquez Herrero, profesor titular da USC, quen analizou como a sociedade percibe este risco, a información recibida e que barreiras existen para o seu coñecemento e a adopción de medidas de prevención, mitigación e protección.
  2. Procura web na internet ou conversar cunha intelixencia artificial?
    A cargo de Noel Pascual Presa, investigador da USC, quen explorou o impacto das novas tecnoloxías na procura e divulgación de información sobre riscos ambientais.
  3. Os medios de comunicación: estratexias e retos
    Tania Forja Pena, investigadora da USC, destacou o rol crucial dos medios na comunicación do risco.
  4. Comunicar sobre radon: guía para profesionais da comunicación
    Sara Pérez Seijo, profesora axudante doutora da USC, presentou unha guía destinada a comunicadores, proporcionando recursos para abordar este desafío informativo de maneira clara e efectiva.

O encontro deixou importantes reflexións sobre a necesidade de reforzar a colaboración entre institucións, profesionais da comunicación e científicos para transmitir información precisa e accesible sobre o gas radon. Así mesmo, subliñouse a importancia de adoptar máis medidas de comunicación, aspecto incluído como eixo estratéxico no Plan Nacional contra o Radon (Ministerio de Sanidade, 2024). A conclusión principal incidiu na necesidade de lograr unha percepción do risco axustada á realidade que supón o radon, a través de accións de comunicación específicas.

Acceso á guía

Comunicar sobre radón. Guía para profesionales de la información

Deixa un comentario