O grupo Novos Medios organiza os días 20 e 21 de xaneiro un Cumio Ibérico de Xornalismo Local en colaboración co MediaTrust.Lab – Local Media Lab for Civic Trust and Literacy e o profesor Pedro Jerónimo, da Universidade da Beira Interior en Portugal. A coordinación deste encontro de traballo está a cargo do profesor e integrante de Novos Medios Rubén Rivas de Roca.
Este evento, no que participarán investigadores de Galicia e Portugal, busca analizar a situación actual do xornalismo de proximidade e os desafíos aos que se enfronta no contexto actual. Nomeadamente, os académicos intervenientes abordarán cuestións como os desertos de noticias, a desinformación, os modelos de negocio ou a xestión de audiencias no eido local.
As xornadas de traballo, que comezarán coa presentación dos resultados do MediaTrust.Lab – Local Media Lab for Civic Trust and Literacy, así como dos proxectos que actualmente lidera Novos Medios, servirán tamén para analizar os horizontes de colaboración na investigación en Comunicación entre Galicia e Portugal.