Cinco investigadores do Grupo Novos Medios, José Sixto-García, Alberto Quian, Ana Isabel Rodríguez-Vázquez, Alba Silva-Rodríguez e Xosé Soengas-Perez, veñen de editar a monografía Journalism, Digital Media and the Fourth Industrial Revolutionpublicada en Palgrave Macmillan (Springer). O libro contén 19 capítulos escritos por unha trintena de autores de diferentes universidades de todo o mundo e está prologado por Bonnie Brennen, profesora emérita da Marquette University de Wisconsin (Estados Unidos), e editora xefa da revista Journalism Practice.
A Cuarta Revolución Industrial, tamén coñecida como Industria 4.0, é a cuarta etapa industrial máis importante desde a Revolución Industrial do século XVIII. Esta nova revolución caracterízase por combinar técnicas de produción de vangarda con sistemas intelixentes que se integran tanto nas organizacións coma nas persoas. A comunicación e o xornalismo, en especial os medios dixitais, afrontan o desafío de integrar as tecnoloxías emerxentes e as prácticas en proba ou en desenvolvemento nas empresas informativas e nos produtos xornalísticos, o que está comezando a romper os lindes entre o físico, o dixital e o biolóxico.
O xornalismo evolucionou máis nestes últimos 24 anos que durante toda a segunda metade do século XX. Xurdiron novos enfoques e novos modelos narrativos (multimedia, xornalismo inmersivo…), novas estratexias de relación coas audiencias (xornalismo cidadán, cocreación ou newsgames) ou xornalismo de datos (Esser & Neuberger, 2019; Lawrence, Radcliffe & Schmidt, 2018). Algúns destes cambios coma o xornalismo multimedia, as redes sociais ou os métodos de distribución de noticias entre os diferentes soportes xa están plenamente asentados na contorna xornalística. No entanto, outras prácticas coma o metaverso, os contidos automatizados ou o xornalismo intelixente aínda se están comezando a implementar (Lopezosa et al., 2021; Liu, Liu & Jensen, 2020).
Logo de máis de 28 anos de actividade, o xornalismo dixital é unha realidade consolidada tanto na práctica profesional coma na investigación académica (Salaverría, 2019). Na Cuarta Revolución Industrial o xornalismo continúa explorando novos sendeiros para intentar captar unhas audiencias (Swart et al., 2022) cada vez máis hiperconectadas. Os xornalistas non están desatendendo este reto e esta oportunidade ao experimentaren con modelos narrativos transformados e, por iso, se continúa experimentado nos laboratorios e nas redaccións con novos prototipos de facer xornalismo (Boyles, 2020).
O impacto das tecnoloxías no xornalismo é evidente desde comezos do terceiro milenio (Pavlik, 2000), o que provoca importantes cambios non só nos sistemas de produción, senón tamén nas formas de consumirmos a información (Kramp & Loosen, 2018). Esta revolución tecnolóxica, enmarcada á súa vez nun contexto de cambios sociais significativos (Lopez-Claros, Dahl & Groff, 2020), está provocando a hibridación das actividades xornalísticas. Algúns destes cambios son obvios, mentres que outros aínda son menos visibles, malia que todos son verdadeiramente importantes para comprender como se constrúe a información e como se distribúe (Domingo, 2016).
Ata o de agora non existía ningún libro que analizase todos este ecosistema comunicativo desde unha perspectiva global. No escenario da Industria 4.0 conviven o físico e o virtual para seguir xerando produtos que satisfagan as necesidades duns públicos cada vez máis esixentes, pero como afecta esta situación á industria mediática? O xornalismo está preparado para seguir ofrecendo os produtos que demandan as audiencias da Cuarta Revolución Industrial?
Para responder estas preguntas este libro estruturouse en tres partes. A primeira enfócase na emerxencia das redes e no impacto nos medios dixitais, a segunda aborda como a industria dos medios ha de seguir innovando para ofrecer produtos atractivos para os públicos, e a terceira describe o novo ecosistema comunicativo e os actores implicados, así como as aptitudes e actitudes que se lles esixen aos xornalistas para esta nova forma de traballar.
Referencias
Boyles J. L. (2020). Laboratories for news? Experimenting with journalism hackathons. Journalism, 21(9),1338-1354. https://doi.org/10.1177/1464884917737213
Domingo, D. (2016). News Practices in the Digital Era. In T. Witschge, C. Anderson, D. Domingo & A. Hermida (eds.), The SAGE Handbook of Digital Journalism (pp. 145-48). SAGE.
Esser, F. & Neuberger. C. (2019). Realizing the democratic functions of journalism in the digital age: New alliances and a return to old values. Journalism, 20(1),194-197. https://10.1177/1464884918807067
García-Avilés, J. A. (2021). Review article: Journalism innovation research, a diverse and flourishing field (2000-2020). Profesional de la información, 30(1), e300110. https://doi.org/10.3145/epi.2021.ene.10
Kramp, L. & Loosen, W. (2018). The Transformation of Journalism: From Changing Newsroom Cultures to a New Communicative Orientation? In A. Hepp, A. Breiter, & U. Hasebrink, (eds.), Communicative Figurations. Transforming Communications-Studies in Cross-Media Research (pp. 205-239). Palgrave Macmillan.
Lawrence, R., Radcliffe, D. & Schmidt, T. (2018). Practicing Engagement. Journalism Practice, 12(10), 1220-1240. https://10.1080/17512786.2017.1391712
Liu, J., Liu, X. & Jensen, K. B. (2020). Comparative media studies in the digital age: Taking stock, looking ahead. International Journal of Communication, 14(7), 5754-5760.
Lopez-Claros, A., Dahl, A. & Groff, M. (2020). The Challenges of the 21st Century. In Global Governance and the Emergence of Global Institutions for the 21st Century (pp. 3-29). Cambridge University Press.
Lopezosa, C., Codina, L., Fernández-Planells, A. & Freixa, P. (2021). Journalistic innovation: How new formats of digital journalism are perceived in the academic literature. Journalism, online first. https://doi.org/10.1177/14648849211033434
Pavlik, J. (2000). The impact of Technology on Journalism. Journalism Studies, 1(2), 229-237.
Salaverría, R. (2019). Digital journalism: 25 years of research. Review article. El profesional de la información, 28(1), e280101. https://doi.org/10.3145/epi.2019.ene.01
Swart, J., Groot, T., Costera, I. & Broersma, M. (2022) Advancing a Radical Audience Turn in Journalism. Fundamental Dilemmas for Journalism Studies. Digital Journalism, 10(1), 8-22. https://doi.org/10.1080/21670811.2021.2024764