O proxecto Neofalantes.gal, posto en marcha pola Universidade de Santiago de Compostela e Política Lingüística da Xunta de Galicia, continuará as súas actividades nos próximos tres anos e reforzará súa estratexia de difusión para poñer en valor a lingua galega. Esta iniciativa, xestionada polo grupo de investigación Novos Medios e coordinada por Xurxo Salgado, vén de verse reforzada pola renovación do convenio firmado neste ano entre o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Segundo explicaron os responsables do proxecto, o novo convenio permitirá seguir actualizando a web social centrada nos neofalantes para facer do idioma un vehículo de uso económico co mundo lusófono. Ao mesmo tempo, algunhas das medidas contempladas para esta nova etapa céntranse na divulgación sobre o neofalantismo en novas canles e no fomento do uso do galego entre persoas que queren dar o paso para incorporarse ao mundo dos galegofalantes.