Máis de 30 investigadoras e investigadores pertencentes a 14 universidades do contexto español participan no libro Innovar en innovación televisiva, no que se analizan dez casos de innovación exitosos que marcan a liña de actuación dos medios de servizo público en Europa para construír e renovar a súa versión futura. O manuscrito, que forma parte das actividades da Cátedra RTVE-USC, foi editado por César Fieiras Ceide, Miguel Túñez López e Marta Rodríguez Castro, da Universidade de Santiago de Compostela, e está dispoñible en aberto en versión dixital por separatas na web da editorial Comunicación Social, coa que se desenvolveu o traballo: http://espejodemonografias.comunicacionsocial.es/issue/view/552.
Para a produción deste libro executouse un rastrexo sobre a actividade das principais radiotelevisións públicas de Europa para extraer unha listaxe de casos de éxito de innovación en informativos que foron posteriormente analizados por un amplo grupo de expertos académicos pertencentes ao proxecto Medios audiovisuales públicos ante el ecosistema de las plataformas: modelos de gestión y evaluación del valor público de referencia para España (VALCOMM; PID2021-122386OB-I00), financiado polo MCIN, AEI e FEDER, UE; cunha longa traxectoria no estudo dos medios de comunicación públicos e o valor que estes achegan á sociedade.
Para a elaboración do bloque introdutorio, composto por catro capítulos de maior corte teórico, recorreuse á experiencia e coñecemento de directores das Cátedras Institucionais de RTVE, como son a Cátedra RTVE-UAB para a innovación nos informativos; a Cátedra RTVE-UJI de Cultura Audiovisual e Alfabetización Mediática, e a Cátedra RTVE-USAL ‘Niñ@s, Novas e Medios’, cuxas achegas elevan a calidade deste proxecto e completan unha revisión transversal polos diferentes prismas de innovación.
O apartado metodolóxico iniciouse cun período de consulta ás emisoras públicas líderes para coñecer de primeira man cales son os seus proxectos máis innovadores, e continuouse coa asignación destes casos de estudo en función da súa temática a 30 investigadoras e investigadores pertencentes a 14 universidades do contexto español. A metodoloxía aplicada para completar os estudos de caso varía en función do capítulo, pero entre as principais técnicas empregadas identifícanse o seguimento dos contidos proxectados, ou das rutinas e estratexias de produción; as entrevistas cualitativas en profundidade aos responsables dos proxectos, ou o mapeo dos sitios nos que se emprazan e distribúen os contidos, así como a análise da conversa establecida cos públicos interesados.
A construción dunha obra destas características permite extraer unha radiografía do estado actual da innovación nos contidos informativos, listando e analizando proxectos que renovan tanto os procesos de produción e distribución de noticias como os formatos, equipos de traballo e públicos destinatarios. Tamén se innova nas canles empregadas para alcanzar as audiencias, no código comunicativo empregado, nas narrativas establecidas, e nos elementos que converxen nunha comunicación fluída, multiplataforma, líquida e multisoporte.