A Revista Latina de Comunicación Social acolle o monográfico “Comunicación da transparencia informativa e da rendición de contas”, coordinado por José Sixto-García

José Sixto-García, investigador de Novos Medios, xunto coa profesora Ana Melo Duarte, da Universidade do Minho (Portugal), e Pablo Escandón-Montenegro, da Universidade Andina Simón Bolívar (Ecuador), coordinan un monográfico sobre comunicación da transparencia informativa e da rendición de contas na Revista Latina de Comunicación Social (Q1 de SJR-Scopus). A chamada de artigos está aberta ata o 10 de setembro de 2024.

O obxectivo do monográfico é recompilar investigacións que dean resposta a cuestións coma se o desenvolvemento das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial contribúen realmente a unha maior achega da información á cidadanía, se o aumento dos mecanismos de participación cidadá favorece a transparencia informativa, se a rendición de contas debería formar parte do discurso dos medios ou se as políticas de transparencia inciden na percepción e na consideración que os públicos teñen dos medios de comunicación.

Os editores propoñen como eixos temáticos a publicidade activa, a accesibilidade da información pública, as narrativas da transparencia informativa, os desafíos da deontoloxía no xornalismo robot ou a atención á diversidade, entre outros, se ben o monográfico está concibido desde unha óptica ampla na que outras perspectivas tamén serán benvidas.