Pérez Tornero defende en Santiago a necesidade de intensificar as accións de Educomunicación en tempos de desinformación

O catedrático de Xornalismo e experto en televisión educativa José Manuel Pérez Tornero, da Universidade Autónoma de Barcelona, defendeu en Santiago, no marco dunha xornada de divulgación e transferencia do coñecemento organizada polo grupo de investigación Novos Medios (USC), que nestes tempos de desinformación faise máis urxente actuar no campo da Educomunicación. Pérez Tornero destacou as iniciativas postas en marcha desde varias organizacións e organismos internacionais, así como o papel activo de investigadores do campo da Comunicación neste ámbito.

Para Pérez Tornero, os grandes cambios que houbo no ecosistema comunicativo nos últimos años demandan unha maior interdisciplinariedade nas investigacións en Comunicación e respostas coordinadas entre equipos de diferentes países a través de redes de investigación. Pérez Tornero, que lidera o programa da UNESCO en alfabetización mediática e diálogo intercultural, considera necesario manter o uso dos medios na educación, pero, sobre todo, entende que hai que mellorar a educación da cidadanía en medios de comunicación.