A integración xornalística, entre o modelo xornalístico e a necesidade económica

A integración xornalística responde a un modelo xornalístico ou a unha necesidade económica? Con esta cuestión abriu Nacho Escolar a mesa sobre integración xornalística programada para a tarde deste primeiro día de congreso. Ao seren preguntados, Roitberg afirmou que respondía a ámbalas dúas finalidades, se ben concretou que a integración responde, sen dúbida, a unha necesidade na mellora do modelo de xestión de contidos.

Borja Bergareche, pola súa banda, expuxo a experiencia de abc.es onde remataron onte mesmo o traslado das diferentes redaccións á sala común onde se atopa xa integrada a nova estrutura de ABC. Esta nova arquitectura responde a unha necesidade de aproveitar o “músculo xornalístico” e as capacidades de todos os traballadores do medio. Como di Bergareche, “a integración é unha forma de sguir cumprindo coa función cívica que corresponde aos medios ao tempo que é unha oportunidade para que cada xornalista, a nivel individual, se reinvente”. Esta nova disposición espacial na redacción permitirá crear novas dinámicas de traballo entre os xornalistas das distintas plataformas na busca dun “roce que fai o cariño, pero onde tamén xurden loitas diarias, das que esperamos sacar proveito”, concluía Bergareche.

Porén, non todos os casos expostos durante a conversa xiraron en torno a experiencias de integración de redaccións xa que, como foi o caso de Rosalía Lloret ou Gumersindo Lafuente, defenderon tamén un concepto distinto de integración: unha reestruturación da labor xornalística na propia cabeza dos profesionais. Tanto Lloret como Lafuente dirixiron a súa liña argumentativa con respecto á integración de redaccións por un camiño onde o esencial é o cambio no xeito de traballar dos xornalistas, e non tanto unha estrtuturación física concreta das redaccións.

Este cambio pódese entender coma unha necesidade de manexarse en diferentes formatos e entender as dinámicas e claves de producción de produtos para as diferentes plataformas, “adaptar o oficio xornalístico á nova lóxica dos medios”, como concluíu Lafuente.

Unha das máis interesantes mesas redondas do XI Congreso de Periodismo Digital, baixo o nome “El periodista integrado”, estaba composta por Nacho escolar (xornalista, no rol de moderador), Borja Bergareche (subdirector de Internet de ABC), Gastón Roitberg (representante de lanacion.com), Gumersindo Lafuente (adxunto ao director en El País) e Rosalía Lloret (responsabel de contidos multimedia en rtve.es).

Deixa un comentario