Gabriel Campanario (Barcelona, 1969), xornalista e ilustrador que desenvolve o seu traballo no xornal dos EUA The Seattle Times, é o ideólogo de Urban Sketchers, un blog común onde máis de cen artistas colaboran coas súas ilustracións para dar unha nova visión da realidade.
Gabriel comezou a traballar para The Seattle Times como infografista e ilustrador e, nunha das súas saídas para recoller datos, ocorréuselle que podía contar historias botando man da súa gran paixón, o debuxo e a ilustración. Unha vez madurada a idea, e co beneplácito dos seus xefes, comezou a contar a vida diaria de Seattle dende o seu caderno, escribindo historias con acuarela. É, sen dúbida, unha nova forma de contar a vida. É o debuxo pegado á realidade, historias contadas en cadernos a dobre páxina.
Podedes ver a páxina persoal de Gabriel Campanario , o seu blog do Seattle Times e, por suposto, ver o traballo colectivo realizado en Urban Sketchers .