Estamos xa rematando a primeira xornada do XI Congreso de Periodismo Digital, organizado pola Asociación de Prensa de Aragón, que se celebra en Huesca. Esta é, sen dúbida, unha das datas sinaladas no calendario do ámbito da comunicación en España xa que son moitos os profesionais que nel participan trazando as liñas estruturais básicas da situación actual e do futuro inmediato dos cibermedios en España.
O ecosistema da comunicación en xeral, e o xornalismo en particular, está atravesando unha das crises cíclicas que o obrigan a buscar novos modelos para adaptarse a un novo contexto que, neste caso marcado pola rápida expansión das novas tecnoloxías na sociedade, forza a moitos medios a replantear as súas estratexias comunicativas e os seus modelos de negocio.
Nesta primeira xornada de congreso puidemos observar unha clara visión positiva da situación por parte dos ponentes, sen deixar de fixar a atención do auditorio nas dificultades que os medios, para os que traballan e o conxunto do sistema de medios en xeral, está a atravesar. Sen perder de vista esta situación deixaron entrever que os medios serán capaces de sobrelevar esta crise gracias á adopción de novos modelos de negocio por unha banda e, por outra banda, mediante o traballo para a construción de novos modelos de produto que lles permitan adaptar os contidos ás posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen e ás novas vías de consumo que as audiencias practican gracias ao exponencial aumento das conexións en mobilidade a través de banda ancha por parte dos usuarios.
Ramón Lobo, xornalista de El País que pola súa traxectoria e traballo en diversos medios (Expansión, Cinco Días, El Sol, El País…), afondou máis aínda neste debate ao afirmar que serán os medios electrónicos os que salven ao papel. De sobra sabida é a máxima que, dende hai anos, vaticina que serán os cibermedios os que asinen a acta de defunción dos medios impresos. Porén, para Lobo, serán os medios online os que lle aporten as claves ao papel para traballar en novos modelos de produto que potencien o seu valor engadido (como traballos en profunidade ou grandes reportaxes, por exemplo) fronte á inmediatez coa que Internet caracteriza aos cibermedios.