Publicación do libro ‘Communicating Public Health Risk: The Case of Radon Gas’

Tres integrantes do grupo de investigación Novos Medios –José Sixto-García, Sara Pérez-Seijo e Berta García-Orosa– coordinan o libro Communicating Public Health Risk: The Case of Radon Gas, que publicará Routledge a principios de outubro. A previa xa pode consultarse na web da editorial.

O libro aborda as estratexias de comunicación do risco que se empregan na actualidade tanto para informar como para educar a sociedade sobre temas de saúde pública como, por exemplo, o caso do radon, un gas natural, pero altamente canceríxeno. De feito, a exposición ao radon é a principal causa de cancro de pulmón nas persoas non fumadoras, polo que é necesario informar adecuadamente sobre os seus riscos, sobre todo nun contexto mediático onde a desinformación relacionada coa saúde resulta especialmente perigosa.

O traballo divídese en 10 capítulos estruturados en tres bloques (Radon: un problema de saúde pública; Comunicación da saúde pública; e Percepción pública do risco). Na publicación participaron 32 especialistas na materia de diferentes rexións do mundo, entre eles outros membros de Novos Medios, no marco do proxecto Radón en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC).