Sara Pérez Seijo, profesora de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do grupo Novos Medios, foi distinguida co VII Premio Lorenzo Gomis á mellor tese doutoral que outorga a Sociedad Española de Periodística (SEP).
Recibiu este recoñecemento pola súa tese titulada “Xornalismo inmersivo con vídeo 360 graos: evolución, experiencia de usuario e produción das radiotelevisións públicas europeas”, onde aborda a narrativa inmersiva con vídeo 360 graos aplicada ao relato xornalístico. A investigadora, que realizou a súa investigación predoutoral no marco do programa de Comunicación e Información Contemporánea da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), recolleu o premio Lorenzo Gomis na clausura do XXIX Congreso da SEP, celebrado na Facultad de Comunicación y Relaciones Internacionales “Blanquerna” da Universitat Ramon Llull (Barcelona) entre o 29 e o 30 de xuño de 2023.
En concreto, na súa investigación a autora estuda o fenómeno coñecido como xornalismo inmersivo atendendo a tres perspectivas: a súa evolución e desenvolvemento, así como o valor que o formato de vídeo 360 graos achega ao relato de non ficción fronte a outras formas xornalísticas convencionais; a experimentación coas tecnoloxías inmersivas e as particularidades dos contidos de non ficción en vídeo 360 graos producidos polas radiotelevisións públicas europeas; e a experiencia do usuario na reportaxe inmersiva.
Esta investigación, defendida o 30 de setembro de 2021, foi dirixida polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López García e recibiu a máxima cualificación (Sobresaliente cum laude).
Acceso á tese no repositorio Minerva: http://hdl.handle.net/10347/27055