Cruz Negreira, premio extraordinario de doutoramento

A profesora María Cruz Negreira Rey, investigadora do grupo Novos Medios, vén de recibir o premio extraordinario de doutoramento pola tese titulada Cibermedios locais e hiperlocais en España: mapa, modelos e produción informativa. Esta investigación, defendida no ano 2020 diante dun tribunal presidido polo catedrático Andreu Casero Ripollés, dirixiuna Xosé López García, da Universidade de Santiago de Compostela.

Na súa investigación, María Cruz Negreira Rey, profesora do Departamento de Ciencias da Comunicación, analizou como, na profunda transformación que experimentou o ecosistema de medios de proximidade nos últimos anos, emerxeron renovados modelos de medios locais e hiperlocais nos espazos de proximidade. A tese, que partiu do mapeo e análise do panorama español, consistiu nun estudo de dez casos nos que se descubriron novas lóxicas de produción informativa, renovados modelos profesionais e de negocio, e variadas estratexias de interacción cos usuarios.

A tese de María Cruz Negreira revelou como os cibermedios hiperlocais, en auxe tanto no panorama estatal español como internacional, configuraron renovados modelos propios para afrontar os desafíos comunicativos e xornalísticos do terceiro milenio.

Máis información