O investigador Noel Pascual Presa recibe o primeiro premio Ícarus 2026 de transferencia e innovación

O galardón recoñece o potencial de transferencia do proxecto Plan de comunicación en materia de saúde pública para o caso do gas radón en Galicia, desenvolvido a partir da súa tese de doutoramento sobre a comunicación do risco do radon.

O investigador Noel Pascual Presa, membro do grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela (USC), recibiu o primeiro premio Ícarus 2026 de transferencia e innovación na área de ciencias sociais e xurídicas polo seu proxecto presentado.

Promovidos pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e financiados pola Xunta de Galicia, os Premios Ícarus distinguen anualmente investigacións que destacan polo seu potencial de aplicación social e económica, a súa viabilidade técnica e o seu impacto na transferencia de coñecemento.

O proxecto premiado nace da tese doutoral “A construción social do risco no ecosistema informativo dixital: dos medios de comunicación á intelixencia artificial no caso do gas radon”, na que se analiza como se constrúe socialmente este risco para a saúde pública no ecosistema informativo contemporáneo. A investigación estuda o papel dos principais actores e canles de información (medios de comunicación, comunidade científica, redes sociais, buscadores web e modelos conversacionais baseados en intelixencia artificial) na configuración da percepción social do radón.

Tras máis de tres anos de investigación e mediante unha metodoloxía interdisciplinar que combina técnicas cualitativas e cuantitativas, o traballo conclúe que o principal reto non reside unicamente na existencia do risco, senón na súa escasa presenza no ecosistema informativo. Esta limitada visibilidade contribúe a que o radón permaneza practicamente ausente do debate público, dificultando tanto a concienciación social como a adopción de medidas preventivas por parte da cidadanía.

Como aplicación práctica dos resultados da tese, Noel Pascual Presa deseñou o Plan de comunicación en materia de saúde pública para o caso do gas radón en Galicia, unha proposta orientada a mellorar a sensibilización cidadá a través dunha comunicación baseada en evidencia científica e adaptada ás dinámicas, complexidades e distintos públicos obxectivos do ecosistema informativo actual.

A iniciativa está aliñada coa Estratexia galega reduce radon 2025–2030, impulsada pola Xunta de Galicia e a Consellería de Sanidade no marco do Plan Nacional contra o Radón, desenvolvido para dar cumprimento ás medidas derivadas da Directiva europea 2013/59/Euratom.

O recoñecemento recibido pon tamén de manifesto a relevancia da investigación desenvolvida no grupo Novos Medios, cuxas liñas de traballo abordan o estudo da comunicación, o ecosistema dixital, a transformación dos medios e o impacto das tecnoloxías emerxentes, entre elas a intelixencia artificial. A tese de Noel Pascual Presa desenvolveuse no marco do proxecto Radon en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC), financiado polo Consello de Seguridade Nuclear (SUBV-13/2021), e constitúe unha contribución ao ámbito da comunicación do risco e da saúde pública ao ofrecer unha análise integral sobre a construción social do risco e propoñer solucións aplicables para mellorar a comunicación institucional e a protección da cidadanía.

Foto: USC.