Novos Medios promove o seminario online “A Comunicación na era da Intelixencia Artificial”

O grupo de investigación Novos Medios, no programa de iniciativas de divulgación e transferencia de coñecemento, organiza un seminario online titulado A Comunicación na era da Intelixencia Artificial, que se celebrará o día 2 de febreiro de 12 a 14 horas. A actividade, que coordina a catedrática de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela Berta García Orosa e que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ten como obxectivo unha primeira aproximación ás ferramentas e habilidades que se precisan para afrontar o novo desafío da dixitalización e a alta tecnoloxía. A inscrición é de balde a través deste formulario.

O equipo de docentes deste seminario online está formado pola profesora Sara Pérez Seijo, integrante de Novos Medios e profesora da Universidade de Santiago de Compostela; o catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial (USC) David Losada e o investigador do CITIUS (USC) Marcos Fernández Pichel.

Esta iniciativa faise no marco das actividades de transferencia, divulgación e difusión de Novos Medios –grupo de referencia competitiva (GRC)–, con financiamento dunha axuda da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.