Novos Medios continuará participando no observatorio Iberifier con financiamento da Comisión Europea ata 2026

Foto de familia no acto celebrado na APM o 16 de febreiro de 2024 / UNAV

O observatorio Iberifier, coordinado pola Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra, atópase integrado por máis de 70 investigadores e xornalistas dunha vintena de organizacións. Dende o seu nacemento, o observatorio publicou máis de 4500 fact-checks e 70 publicacións científicas, impulsou decenas de actividades formativas e investigou o fenómeno e as tendencias da desinformación. O consorcio forma parte da rede de observatorios de medios dixitais e desinformación promovidos pola Comisión Europea e coordinados por EDMO (European Digital Media Observatory).

O grupo de investigación Novos Medios forma parte do consorcio Iberifier dende o seu inicio e continuará investigando no marco deste proxecto europeo, seguindo unha liña que varios investigadores puxeron en marcha a partir do ano 2016. Na nova fase de Iberifier (2024-2026) o equipo estará formado por: Xosé López García, Berta García Orosa, Xosé Soengas Pérez, Ana Isabel Rodríguez Vázquez, Alba Silva Rodríguez, José Sixto García, Jorge Vázquez Herrero, María Cruz Negreira Rey, Alberto Pampín Quián, Sara Pérez Seijo e Ángel Antonio Vizoso García.

Completado o primeiro trienio, a Comisión anunciou a continuidade do consorcio durante outros tres anos, ata 2026, cun financiamento adicional de 1,27 millóns de euros. Nesta segunda etapa, que comezará en maio de 2024, o consorcio no que participa a USC amplía o seu número de socios a 25, sumando novas  axencias verificadoras e reforzando as súas capacidades de investigación tecnolóxica. Un dos obxectivos desta nova etapa é estender a análise dos fenómenos de desinformación ao conxunto dos países hispanos e lusófonos.

Na súa primeira etapa, o observatorio Iberifier centrouse en cinco liñas de traballo: a investigación de características e tendencias do ecosistema ibérico dos medios dixitais; o desenvolvemento de tecnoloxías computacionais para a detección temperá da desinformación; a verificación de desinformación no territorio ibérico e o seu posterior reporte á Comisión Europea; a preparación de informes estratéxicos sobre as ameazas da desinformación, e as actividades de alfabetización mediática. Precisamente, a sensibilización e formación da cidadanía ao redor da desinformación é unha das áreas que o observatorio pretende potenciar a partir de 2024.

Con máis dunha decena de informes e guías de boas prácticas, o equipo de Iberifier analizou o fenómeno da desinformación desde numerosas perspectivas. Algunhas delas son os patróns de consumo de desinformación na sociedade ibérica, o impacto das desordes informativas en aspectos sociais, políticos e económicos en España ou Portugal, ou as ferramentas tecnolóxicas que facilitan a detección de loias e a verificación de información. Todo iso acompañado dun mapa dos medios dixitais españois e lusos que constitúe a primeira ferramenta dixital destas características no mundo.