O libro Medios nativos digitales en España, editado por Comunicación Social Ediciones y Publicaciones, ofrece unha radiografía do panorama actual e as tendencias do xornalismo dixital. Este libro, coordinado por Ramón Salaverría e María del Pilar Martínez-Costa, foi elaborado no marco do proxecto DIGINATIVEMEDIA 2019-2021, que levaron adiante trinta investigadores das universidades de Navarra e Santiago de Compostela. O proxecto estivo financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e o Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER).
Nesta monografía, de máis de trescentas páxinas, afírmase que os medios nativos contan con estruturas e técnicas adaptadas con naturalidade á contorna dixital. O conxunto de artigos que recolle o libro constitúe unha análise das diferentes dimensións destes medios nativos dixitais, con referencias comparativas con medios non nativos e sempre no contexto do ecosistema mediático español e europeo.
A partir do estudo dun corpus de 2.874 medios dixitais, Medios nativos digitales en España. Caracterización y tendencias revela os trazos do actual mercado xornalístico dixital en España. Con foco nos nativos dixitais, analiza a tipoloxía dos cibermedios, a súa distribución xeográfica e diversidade temática, os modelos de negocio, ademais dos seus métodos nas redes sociais. Tamén explica as súas estratexias tecnolóxicas e narrativas, así como a aparición de novos perfís profesionais.