Portugal e España diverxen na TDT

A transición cara a televisión dixital terrestre está en marcha xa en tódolos países de Europa, tendo en conta a data imposta pola UE para producir o apagón analóxico definitivo no 2012. Os Países Baixos e Finlandia están emitindo xa en dixital para o cen por cen do seu territorio e en varias cidades de Alemania (Berlín, por exemplo) tamén. No resto dos países, o Reino Unido segue sendo o máis adiantado na transición dixital aínda que Italia, España e a maioría dos países nórdicos cumpren as previsións de desenvolvimento. Na península ibérica, España e Portugal diverxen non só nas previsións de transición senón tamén nos modelos de desenvolvimento. Nos últimos días do pasado mes de agosto, 29 e 31 respectivamente, Portugal puxo en marcha unha consulta pública da Autoridade Nacional de Comunicaçoes (ANACOM) e da Presidencia do Goberno para o concurso de adxudicación das novas canles da TDT. O Goberno de España aprobou o 7 de setembro o Plan Nacional de Transición da Televisión Dixital Terrestre.

Un artigo de Francisco Campos

Portugal opta pola televisión dixital terrestre de pago, a través dunha plataforma única formada por cinco múltiples (dous de ámbito nacional e tres de carácter transfronteirizo litoral, para evitar con estes últimos as interferencias con España). Reserva un só múltiples de catro canles para a emisión da televisión dixital terrestre gratuíta, libre, é dicir para a migración das catro analóxicas actualmente existentes (RTP 1 e 2, TVI e SIC). A TDT en Portugal, ó contrario de España, descarta a televisión dixital terrestre rexional e local. Esa alternativa dunha única plataforma de TDT de pago con 20 canles, que pode ser adxudicada ó operador (“carrier”) de transporte de sinal, que obrigará a distintos programadores a buscar alianzas e colaboracións. Fálase xa de alianzas de competidores e rivais empresariais coma as de TVI (Media Capital-Prisa e SIC-Pinto Balsemao) con grandes operadores de telecomunicacións locais e internacionais (Abertis, de España, entre eles). O sorprendente é que os portugueses optasen pola TDT de pago, que é un modelo que probaron antes sen ningún éxito outros países, entre eles Reino Unido, España e Suecia.

Portugal, polo momento, non ten máis prazo para o apagón analóxico que o marcado pola Unión Europea (2012). España, pola súa parte, ten aprobado por lei a data do 3 de abril de 2010 para o apagón analóxico total. Pero pretende adiantar máis e levar a cabo apagóns parciais en determinadas cidades, comarcas e territorios. O Goberno español aprobou hai uns días, o 7 de setembro último, o Plan Nacional de Transición para Televisión Dixital Terrestre. Este Plan establece catro fases de cese das emisións dixitais: a finais de 2008, no primeiro trimestre de 2009, no segundo semestre de 2009 e o 3 de abril de 2010. Para eso dividiron España en 73 áreas técnicas e 90 proxectos de transición dixital segundo a densidade de poboación e as previsións de prazos de cobertura. Para Galicia establéceronse seis proxectos de transición. Despois do estrepitoso fracaso de Quiero TV, España descartou a TDT de pago e a día de hoxe non está legalmente prevista como modelo.

O que aínda non desvelou o novo Plan da TDT nin o Goberno foi que pasará coa data establecida pola Lei de 2005 de Impulso da TDT con respecto á televisión local. Esa lei establece que o día 1 de xaneiro de 2008 (dentros duns meses) deberán estar emitindo tódalas televisións locais dixitais adxudicadas en España polas Comunidades Autónomas e cesarán todas aquelas outras analóxicas que ocupan ese mesmo espectro de forma alegal ou ilegal. Sen embargo, o caos no ámbito do espectro da televisión local segue sendo unha característica de España. A situación neste aspecto, en resumo, é a seguinte: Están adxudicadas un 60 por cen das licenzas previstas da TDT local; de elas só emiten en dixital menos do 40 por cento; e hai Comunidades Autónomas que aínda non definiron as súas previsións nin convocaron os respectivos concursos.

No ámbito da TDT estatal emiten actualmente 20 canles e hai espazo para outras doce máis (24 de propiedade privada e 8 públicas de RTVE) cando se consume o apagón no 2010, é dicir cando quede libre o espectro parcialmente ocupado polo analóxico. A nivel autonómico están reservados dous múltiples por Comunidade (é dicir oito canles, catro por cada un, polo menos) e tres en Cataluña (en total, doce canles). Hai trece Comunidades con televisión pública que poñen en marcha as súas respectivas canles e once Autonomías que xa adxudicaron un total de 28 canles privadas, 20 delas controladas polos grupos mediáticos Vocento (seis), Prisa e Cope, cinco cada unha e Godó (Vanguardia), catro. Os grandes grupos de Prensa, radio e que tamén participan directa ou indirectamente na televisión estatal controlan a nova TDT privada autonómica e local. Hai algúns outros novos grupos emerxentes, de capitais procedentes da construcción e a industria local, que aparecen tamén vencellados ás distintas concesións.

A morfoloxía empresarial da TDT comenza a ter cara propia pero da programación e da nova oferta de contidos sábese moito menos. Dominan na oferta as canles de emisión simultánea, é dicir as que xa existen en analóxico, con “spin off” de algúns dos seus programas temáticos ou máis exitosos, e repeticións ou reposicións dos respectivos arquivos históricos. Aínda que as preferencias das audiencias parecen apuntar á tematización, que casa coa fragmentación e a segmentación das ofertas e consumos audiovisuais, non hai liñas definidas fortes de como será a nova televisión dixital terrestre. Un tipo de oferta condicionado, sen dúbida, polo seu modelo de negocio, que é nin máis nin menos –polo momento- que o tradicional de sempre: a publicidade en múltiples píldoras e variedades. Das posibilidades de negocio dos servizos interactivos escoitase falar moito pero pouco ou case nada se ve nas novas pantallas nen se percibe para as contas de resultados.

Cos prazos e datas por diante, a carreira da nova televisión dixital terrestre está servida. Moitas máis canles (1.200 locais, 140 autonómicas e 32 estatais), moita competencia, moita publicidade e poucos cartos. Probablemente os mesmos contidos moito máis repetidos e por moitas máis canles. Moita repetición e redifusión, pouca variedade e calidade… Pero o futuro está por ver, nunca mellor dito.

FRANCISCO CAMPOS

Deixa un comentario