Captura de pantalla de Google Earth
O outro día, na materia Creación de Produtos na Rede, estivemos vendo un dos últimos lanzamentos de Google Earth. En colaboración co United States Holocaust Memorial Museum, Google creou unha capa KML titulada Crisis in Darfur que se pode superpoñer sobre Google Earth e amosar as dimensións do xenocidio que se está practicando en Darfur, no Sudán. O xenocidio, negado oficialmente polo Goberno sudanés, amósase con rudeza nas imaxes de satélite en alta resolución de Google Earth, publicadas na plataforma especialmente para a ocasión. Os editores empregaron estas fotografías de alta resolución para establecer cálculo de danos sobre os bens.
Representación infográfica de poboados destruídos ou danados durante o xenocidio sobre Google Earth
Ao mesmo tempo, a capa de Darfur incorpora testemuñas, datos de comprensión, ubicación de campamentos de refuxiados e unha selección de información multimedia. As opinións da comunidade de usuarios de Google Earth tamén se superpón sobre a capa, trasladando a conversa directamente ao terreo. ¿É isto xornalismo?¿Pode selo? Sen dúbida, na miña opinión. Unha forma innovadora de avanzar na construción de relatos hipermedia, trasladando a narración dos feitos ao lugar da acción, sen perder determinadas técnicas xornalísticas, como o enfoque, a selección e a tematización. Un híbrido entre infográfico, reconstrución virtual e crónica. Sen dúbida, un dos novos formatos máis interesantes do 2007.
Manuel Gago