Segundo un estudo de Pew Research Center, os social media ou medios sociais contan cunha axenda propia que difire, en moitos casos, da dos medios tradicionais. Este estudo, realizado sobre as novas que os usuarios compartiron durante un ano (entre o 19 de xaneiro de 2009 e o 15 de xaneiro de 2010) nos EUA, di que as informacións ás que o usuarios daban relevancia a través das redes sociais difiren das que publicaron xornais impresos e electrónicos ou cubriron radios ou televisións nos mesmo período de tempo.
Ademais, este estudo tamén avanza unha característica importante das redes sociais en canto á evolución que sofren as noticias unha vez son engulidas pola “maquinaria social”: as noticias teñen unha frecuencia de rotación elevada e os rankings de informacións máis compartidas sofren actualizacións constantes debido á velocidade coa que os usuarios actúan a través dos medios sociais.
Tamén hai que destacar que os datos que aporta este traballo do Pew Research Center falan dun posicionamento importante como é a dos medios tradicionais como fonte de confianza, xa que o 99% das noticias que enlazan os usuarios nos medios sociais pertencen a xornais, radios e televisións.