Na busca de valor engadido no xornalismo: unha mirada ás redes sociais

A información deste texto relativa ao The New York Times e as opinións de Jennifer Preston están tiradas de dúas entrevistas publicadas en elpais.com e 233grados.com á social media editor do xornal norteamericano

Jennifer Preston é a editora de medios sociais do xornal The New York Times. Logo dunha longa traxectoria como xornalista no xornal norteamericano, en maio de 2009 nomeárona “social media editor”, posto que nos últimos tempos ten cobrado moita relevancia nos medios de comunicación. Puxeron nas súas mans todas aquelas cuestións que teñen quen ver co posicionamento e presenza do medio nas redes sociais. Como recoñece Preston, naquel momento sentiuse perdida ao ter que asumir o novo posto, pero pronto se decatou de que a vía de colaboración cos usuarios e lectores do The New York Times era o camiño polo que debían transitar. Deste xeito, por exemplo, no xornal da cidade de Nova Iork pasouse de administrarse unha única cunha conta xenérica do medio a ter 85 activas na acutalidade dedicadas a distintos temas que alimentan máis de 145 xornalistas.

O xornal busca un contacto necesario coa audiencia, facer que os usuarios e lectores se sintan parte do medio tendo en conta os seus comentarios en Twitter ou Facebook, facendo que as súas informacións e datos formen parte das historias que se contan no The New York Times. Obviamente, faise necesaria unha labor de selección que Preston considera esencial. Dende o seu equipo no xornal faise un seguemento dos distintos perfís dos usuarios que participan con comentarios nas contas propias do The New York Times, as súas achegas, os textos publicados nos seus perfís, etc. co obxectivo de poder identificar distintos niveis de confianza nas redes sociais á hora de investigar certos datos ou acudir a lugares indicados polos twitters ou usuarios de Facebook.

Esta estratexia de incorporar, a través do filtro do rigor e da selección, os usuarios á dinámica de funcionamento do medio mediante as estratexias postas en marcha a través das redes sociais ten como resultado un nivel de implicación por parte da audiencia co xornal moi alto (cando no medio se anuncia que se vai facer unha reportaxe sobre un tema determinado, o medio pode recibir centos de correos electrónicos aportando ideas, datos, localizacións, etc.). A clave do bo funcionamento e integración das redes sociais no traballo dos xornalistas de The New York Times é que estes entenderon, dende o primeiro momento, o que para Preston era unha evidencia: as redes sociais aportan un valor engadido esencial ao traballo xornalístico.

Deixa un comentario