Durante os días 26, 27 e 28 deste mes de novembro está a celebrarse en Barcelona a 2ª Conferencia Europea de Comunicación (ECREA), á que asistimos varios membros do grupo Novos Medios. Sen dúbida, no primeiro día, unha das mesas de comunicación máis interesantes foi a que tratou o fenómeno da converxencia en Europa.
En ECREA todo vai moi de présa. As intervencións dos conferenciantes sucédense unha tras outra a un ritmo vertixinoso onde centos de conceptos e proxectos de investigación loitan por ser o máis comentado nas pausas para o café e o máis recordado e citado polos investigadores en comunicación unha vez que o congreso remate e cada un volva á súa rutina de traballo diaria.
De todo o visto ata o momento (escasa mostra, dado que as sesións paralelas non permiten asistir a todas aquelas que os asistentes desexariamos), unha das que con maior intensidade invitou a reflexionar e que, sen dúbida, creo que é un dos grandes eixos sobre os que xiran moitos ámbitos –cultural, económico, social e tamén o da comunicación- da Sociedade da Información e a Comunicación na actualidade é a converxencia.
Da man de Ramón Salaverría e José Alberto García Avilés, condutores da sesión Media Convergence in Europe. Theorical and Practical Approaches to an Emerging Media Phenomenon, Cecilia Teljas, Jaume Masdeu, Klaus Meier e Konstantinos Saltzis tentaron operativizar un concepto en constante redefinición e cambio como é o da converxencia no ámbito da industria da comunicación. O obxectivo principal da mesa de exposición e posterior debate era operativizar un concepto coma o da convexencia que tanto está a deixar patente a súa pegada nas redaccións dos medios e nas propias estruturas mediáticas.
Ramón Salaverría expuxo na súa intervención o concepto de converxencia derivado do proxecto de investigación conxunto que lidera, financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia e no que participa o grupo Novos Medios. Para Ramón, a converxencia fai referencia ás principais áreas dos medios de comunicación. Así, a esfera empresarial, a tecnolóxica, a profesional e a comunicativa experimentan o fenómeno da converxencia de xeito totalizador. Ademais, Salaverría aportou unha vasta literatura científica sobre este termo, fenómeno esquencido nos estudios académicos durante anos e que leva uns anos sendo actualidade.
Unha vez que Salaverría expuxo a súa idea de converxencia, Teljas, Masdeu, Meier e Saltzis mostráronlle aos asistentes moitas das perspectivas e casos dende os que se aborda este concepto. Así, Cecilia Teljas centrouse na converxencia en relación coa audiencia en referencia aos servizos dos medios dixitais. Teljas afirmou que o medio representativo dos grupos de medios son os xornais impresos e que son estes os que deberán definir a natureza dos servizos ofrecidos polo grupo, incluso aqueles que son obxecto deste estudo e que se atopan na rede.
Pola súa banda, Klaus Meier tamén expuxo a situación dos procesos de converxencia en Alemaña, onde a súa principal característica é a concentración de esforzos na integración das estruturas tradicionais nas plataformas ditixais, nun país onde, como asegurou, os proceos e estruturas son ríxidos. Neste senso, Meier rematou a súa intervención afirmando que o concepto de converxencia se dá en relación a varios parámetros e que pode ser definido con respecto a eles e aos procesos que neses ámbitos se dan, na liña do que Ramón Salaverría afirmara na primeira intervención da mesa de conferenciantes.
Konstantinos Saltzis rematou as intervencións da mesa temática poñendo sobre a mesa os cambios nas rutinas diarias aos que se ten que enfrentar o xornalista. O profesional, acostumado a unha labor monomedia, ve como a nova e complexa situación de converxencia fai que varíen as súas rutinas e deba contar cun maior dominio das novas tecnoloxías e todas as condicións que estas requiren para optimizar o seu uso. Pero, o máis importante para Saltzis é, sen dúbida, que consigan elaborar produtos de calidade tendo en conta que se atopan inmersos no cambio de rutinas marcados pola adaptación a novas linguaxes narrativas dependendo de para que medio de comnicación do grupo ao que petenzan estean producindo en cada momento.