A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle o curso de verán “Televisión dixital terrestre e por Internet, Comunicación Interactiva e Hipermedia”
A propósito das novas alternativas da comunicación interactiva no curso falarase de propiedade intelectual, creación de contidos, hipermedia e converxencia dixital. O obradoiro pretende servir de foro para a presentación e discusión de novos conceptos, ideas, experiencias e coñecementos que configuran o debate aberto na sociedade da información arredor da converxencia das novas tecnoloxías coa cultura e a ciencia, cos contidos e o coñecemento. En definitiva, sobre as posibilidades e alternativas da comunicación interactiva, sobre o novo paradigma da hipermedia, máis aló da confluencia dos multimedios, cando xa se empeza a falar das web semánticas, a experimentar coa creación virtual e con potentes buscadores ontolóxicos que están a convertir Internet nunha disputada galaxia de novas redes de intelixencia, poder e mediación social. A trascendencia deste novo marco de relacións e experiencias crúzase coa aparición, debate e formulación dos chamados ciberdereitos e coa necesidade de facer visible a través da Rede e da expresión hipermedia a nosa propia cultura e identidade.
Alumnos das Facultades de Ciencias da Comunicación, Económicas e Empresariais, Dereito, Historia, Educación, Ciencias e Computación así como profesores e profesionais dos medios de comunicación de Galicia que están incorporando as novas tecnoloxías, son o público ao que vai dirixido o curso.
Xa está aberta a matrícula para este obradoiro de 35 horas de duración que será impartido do 11 a0 14 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Para máis información: www.usc.es/iptv