Trends in newsrooms 2007: coopera cos teus competidores e busca lectores nos medios sociais

cover_tin2007.jpgAcabo de ler o novo e excelente Trends in newsrooms 2007, o informe anual editado polo World Editors Forum e editado por John Burke, que é o coordinador do selecto blog sobre industria de medios Editors Weblog. O propio informe é unha selección de datos e informes procedentes de máis de 100 fontes que serven diariamente para a edición deste blog, pero avanza importantes nocións que sinalan o grado de asimilación por parte da industria das últimas leccións do mundo dixital.

As sete leccións do Trends in newsrooms 2007 son as seguintes:

  • Integra a túa redacción paso a paso
  • Interactúa cos teus lectores
  • Coopera cos teus competidores
  • Convértete nun portal para a túa rexión
  • Crea unha redacción multi-xornal
  • Achégate aos lectores mozos a través dos medios sociais
  • Fornece ferramentas para a personalización das noticias

Sen dúbida, algunhas delas, como a cooperación cos competidores, non son doados de asumir, pero asumen parte da filosofía mashup que desde o exterior da industria foi medrando desde o ano 2003. Na enquisa previa, practicada a 435 periodistas con cargos nas redaccións en todo o mundo, sorprende tamén o optimismo ante a algunhas cuestións que suscitaban controversia hai non ben pouco: un 74% consideran que a transformación do paradigma de noticias, de conferencias a conversacións preconizado por Dan Gillmor ten efectos moi positivos para o xornalismo de calidade. Para mellorar a calidade editorial do medio, os executivos distinguen claramente dous factores relevantes: ensinar aos xornalistas en novos medios (37%) e reclutar máis xornalistas (23%), un detalle moi interesante que fala sobre que a optimización non quere dicir reducción. Un punto moi significativo é a confianza na vixencia no futuro dos formatos opinativos e análise tradicionais nos medios: un 66% dos executivos consideraban que no futuro tendrían, aínda, máis relevancia.

Trends in newsrooms 2007 parece recoller o sentir significativo en gran número de redaccións ante o cambio de paradigma do xornalismo propulsado polas novas tecnoloxías e a posición significativa e relevante dos cibermedios no novo escenario. Moitas das estratexias indicadas profundizan nos valores específicos do novo soporte de cara o xornalismo. Unha visión sólida das boas prácticas no xornalismo de principios de século.

Manuel Gago

Deixa un comentario