Pisani, un dos grandes referentes do xornalismo especializado en Internet e novas tecnoloxías, reuniuse cos membros do Grupo de Investigación Novos Medios.
O futuro dos medios condicionado polo avance dos novos formatos xornalísticos é unha das principais liñas de traballo do xornalista.
Na xuntanza Pisani debateu cos membros de Novos Medios sobre o futuro da labor dos profesionais do xornalismo e sobre a relación que debe establecerse entre usuarios e medios, entre outras cuestións.
Para Pisani o xornalista deixa de ter o poder de seleccionar a información que é coñecida polos usuarios, para converterse nun editor dos contidos proporcionados por eles. A satisfacción que produce o feedback nos procesos comunicativos é para Pisani unha das mellores vantaxes que trae este cambio na profesión. Neste senso apunta á necesidade de atender á evolución do concepto “noticia” e á súa nova función social.
Con respecto a penetración do xornalismo cidadán, Pisani considera que estase producindo un erro de concepto, para el o importante non é quen produce a información, o importante é o proceso polo cal esa información chega aos receptores, polo que dende o seu punto de vista debería haber un cambio de denominación para este fenómeno. Fenómeno que por outra banda non debe ser minusvalorado, xa que ten un gran poder de penetración social, principalmente no ámbito local.
Residente en San Francisco, Francis Pisani é profesor nas Universidades de Stanford e Berkeley, consultor de medios dixitais e columnista semanal en El País, Le Monde e Reforma.
Podes coñecer o traballo de Pisani no seu blog persoal.