A tecnoloxía de animación vectorial máis popular do mundo, o Flash, cumpre 10 anos. E para celebralo, a actual propietaria do software, Adobe, elaborou un potente especial (en flash obviamente) que ofrece unha retrospectiva dos principais fitos tecnolóxicos do Flash e das webs elaboradas con ela que marcaron un antes e un despois no deseño web. O flash foi para Internet o que o tuning está a ser para os coches: é quen de sacar o máis hortera que leva un dentro. Boto en falta nas galerías do especial de Adobe unha especial coas intros da institucións galegas, que eu me ofrecería a comisariar, porque esta tecnoloxía é especialmente fértil en anécdotas. Dende a academia de informática de Santiago que encheu as facultades compostelanas con carteliños ofrecendo dar “cursos de FLAX”, ata aquel Last Friday do ano 1999 no que un propietario dunha incipiente empresa de Internet galega que, ao ver a presentación flash feita polos alemáns de Eye4u exclamou sobreado:
-Bueeeee….isto fágoo eu nunha mañá.
A empresa durou poucas mañás máis, obviamente. Tamén lembro a aquel político que no seu momento me dixo:
-Me hicieron un “yas” precioso.
Flash foi o promotor de moitos excesos visuais que, ao mesmo tempo, tiveron o seu aspecto positivo: convertían ao ordenador nalgo parecido á televisión e, polo tanto, faciano máis comprensíbel para moitos executivos de empresas e institucións ás que por fin lles gustaba o resultado que vían en pantalla, aínda que non dixera nada especial, e decidiron aprobar liñas de desenvolvemento da súa identidade web. Coa irrupción de Google e a maior formación dos clientes, Flash volve a estar no seu sitio, nesa fantástica liña de converxencia multimedia que se comezou a ensaiar dende o 2001 nos medios dixitais e por parte de artistas e empresas de creación cultural multimedia: un software capaz de convertir o movemento e a interacción en información. O novo flash, que se conecta con facilidade cos bancos de datos e que foi capaz de ofrecer un reprodutor de vídeo universal -de facto- que permitiu a popularización dos servizos de vídeo baixo demanda de Google Video ou YouTube, está ocupando un novo espazo nas aplicacións multimedia. Agora xa non substitúe ás tecnoloxías máis estándar de etiquetado de datos, senón que se complementa con elas, cun código fonte propio, o ActionScript, moi versátil e escribíbel. Xa non é a base da arquitectura, senón un punto intermedio empregado para necesidades específicas. E aí pode agardarlle outro exitoso futuro.