Trinta doutorandos chegados dende diferentes partes de España, Portugal e Latinoamérica déronse cita na primeira edición da Doctoral Summer School, promovida pola Rede de Excelencia en Periodismo Dixital e Converxencia Mediática.
As instalacións da Facultade de Comunicación da Universidad de Navarra acolleron do 2 ao 4 de xullo a primeira edición da Doctoral Summer School. O evento buscaba poñer en relación a longa carreira académica de recoñecidos investigadores na área do ciberxornalismo con investigadores e investigadoras noveis que están iniciando o seu percorrido a través da realización dunha tese de doutoramento.
A inauguración das xornadas contou coa presenza de Jane B. Singer, profesora da University of London e pioneira no estudio da comunicación e o xornalismo na rede. A intervención da profesora Singer versou fundamentalmente sobre a adaptación das rutinas xornalísticas aos novos escenarios que xorden das mudanzas tecnolóxicas, realidade sobre a que ten investigado moito ao longo da súa ampla carreira.
Logo da clase maxistral inaugural, os asistentes ao acto puideron tomar parte no debate e poñer en común as súas ideas, dúbidas e preguntas con investigadores con grande experiencia. Foi no marco dos debates teóricos e metodolóxicos propostos pola organización, nos que os doutorandos e doutorandas debían expor algunhas das preguntas que lles están a xurdir durante a realización das súas investigacións. Ditas preguntas foron debatidas e respondidas por expertos como Ramón Salaverría, Javier Díaz Noci, José Alberto García Avilés, Pere Masip, Guillermo López García e Carlos Toural, este último membro do Grupo Novos Medios.
Ademais, os participantes puideron asistir a un obradoiro de publicación académica con Lluís Codina. O profesor da Universitat Pompeu Fabra fixo fincapé nas claves máis importantes para a elaboración dun artigo con maiores posibilidades de éxito no proceso de revisión por pares das revistas científicas. De xeito complementario, tivo lugar un seminario sobre a ética na investigación en comunicación conducido pola profesora Elvira García de Torres da Universidade CEU Cardenal Herrera. Nel salientáronse as necesidades que debe cumprir unha investigación en comunicación para a protección dos datos obtidos ou o mantemento da privacidade dos suxeitos investigados entre outras realidades a ter moi presentes cando un investigador inicia as súas pesquisas.
A xornada final comezou cunha exposición da historia das teses de doutoramento centradas no ciberxornalismo, un percorrido iniciado no ano 1998 que deu xa como resultado 104 teses —o 8,1% do total de traballos realizados na área de comunicación durante o período analizado—. Estes datos foron achegados polo anfitrión, o profesor Ramón Salaverría, como antesala da presentación das teses das alumnas e alumnos participantes nesta primeira Doctoral Summer School.
Así, os participantes dispuxeron dun tempo de exposición dos aspectos máis relevantes da tese que están a levar a cabo, deixando un espazo ao final para o debate das ideas mostradas e o intercambio de experiencias cos demais participantes. Estas sesións de presentación estiveron moderadas por Pere Freixa —Universitat Pompeu Fabra—, Koldo Meso e Ainara Larrondo —Universidad del País Vasco— e Eva Campos —Universidad de Valladolid— que non só dirixiron as intervencións senón que aportaron ideas para a mellora das investigacións ou a solución de posibles dificultades apoiados na súa experiencia investigadora.
Á conclusión das tres xornadas de traballo e intercambio de experiencias que contaron coa participación dos investigadores en formación do grupo Novos Medios Sara Pérez Seijo e Ángel Vizoso, docentes e alumnos coincidiron en sinalar o éxito das mesmas. Esta primeira edición da Doctoral Summer School supuxo sen dúbida un éxito da organización, liderada por Alicia Arza e Silvia Corzo —alumnas de doutoramento da Universidade de Navarra— e sentou as bases para futuras edicións nas que investigadores e investigadoras en ciberxornalismo de diferentes partes do mundo poñan en común as súas experiencias.