O sábado clausurouse o curso «Europa ante o desafío da reordenación do sistema mediático» que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) organizou no Mosteiro de Aciveiro (Forcarei-Pontevedra) os días 17, 18, 19 e 20 de outubro. Dito encontro reuniu a investigadores e docentes procedentes de España, Italia e Portugal e relacionados coas Ciencias da Comunicación e Política, que reflexionaron sobre as pautas que Europa, España e tamén Galicia teñen que asumir ante a reordenación que se está a producir no sistema mediático actual.
No seminario analizáronse diversos temas de actualidade como o desenvolvemento das novas tecnoloxías, o estancamento do audiovisual, a polarización política, a ausencia de identidade propia nos medios de comunicación, a prevalencia do mercado e tamén a ausencia de políticas públicas no sector audiovisual.