José Casás, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo Novos Medios, subliñou a importancia da linguaxe inclusiva no xornalismo durante a súa intervención no IV Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo (ApS) na Universidade, celebrado este 18 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e organizado polo Grupo Esculca. Casás participou na mesa sectorial de Ciencias Sociais e Xurídicas, onde expuxo seis anos de experiencias ApS aplicadas á formación xornalística.
Durante o seu relatorio, Casás destacou que “cremos no poder da linguaxe inclusiva para transformar a sociedade a través do xornalismo, de aí a selección das guías de boas prácticas como ferramenta”. Este traballo materialízase en diversas guías dispoñibles en formato dixital, pensadas para profesionais da información, co fin de promover un uso inclusivo da linguaxe nos medios.
O docente aproveitou para facer un balance dos proxectos realizados nos últimos seis anos dentro do marco da ApS, nos que participaron estudantes do Grao en Xornalismo e do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, acompañados polos profesores Ana Isabel Rodríguez, Xosé López e Darío Janeiro. Iniciativas como o proxecto “Ponte de Palabras”, centrado na migración, ou outros anteriores, como «FactCom», dirixido á loita contra a desinformación, foron presentados como exemplos de como a aprendizaxe-servizo permite crear produtos xornalísticos con impacto social real. “A ApS é unha experiencia enriquecedora, tanto para o alumnado como para o profesorado. Tras seis anos de experiencias ApS, queremos seguir traballando e mellorando dentro desta metodoloxía”, afirmou Casás.
Ademais, o profesor resaltou a importancia da colaboración con entidades como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Grupo Esculca. “A colaboración con entidades como o CPXG e o impulso e ensinanzas que nos dá o grupo Esculca son fundamentais para desenvolver os proxectos”, subliñou, facendo fincapé nas sinerxías entre o mundo académico e profesional.
A intervención rematou co anuncio da participación dun novo proxecto ApS no presente curso, desta volta vinculado á utilización da Intelixencia Artificial.