Montserrat Rigall, xornalista de RTVE experta en Mobile Journalism, impartirá un curso sobre a creación de noticias con dispositivos móbiles

A xornalista dos Servizos Informativos de RTVE Montserrat Rigall, experta en xornalismo móbil (mobile journalism –MoJo–, en inglés), e especialista en intelixencia artificial, impartirá un curso na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela os próximos días 29 e 30 de abril. Nestas xornadas afondará na creación de noticias con dispositivos móbiles e en diferentes ferramentas e aplicacións para optimizar e posibilitar esta nova práctica profesional.

A iniciativa, organizada pola Cátedra RTVE-USC, o proxecto Valcomm, o grupo Novos Medios, o grupo de innovación docente IDESVIR e a Cátedra CIRCOM, será gratuíta para as 20 persoas participantes, que recibirán un certificado de participación. As persoas candidatas deberán ser graduadas en xornalismo e serán seleccionadas por orde de inscrición. Así mesmo, deberán acudir ás sesións con smartphones con cámara integrada e conexión a Internet. Con todo, as persoas asistentes poderán empregar libremente calquera ferramenta que mellore a calidade da gravación, como trípodes, estabilizadores de imaxe ou micrófonos de solapa adaptados a móbiles.

Na primeira das xornadas, Rigall profundará nos conceptos e consellos fundamentais para executar prácticas de xornalismo móbil de calidade, e concretará diferentes ferramentas e aplicacións útiles para a realización de MoJo. Na sesión de tarde, o alumnado dispoñerá de tempo libre para gravar e producir as súas propias pezas, que serán visionadas, revisadas e optimizadas na xornada do martes 30 de abril.

Para máis información, poden contactar con César Fieiras, investigador do grupo Novos Medios e responsable da iniciativa (cesar.fieiras.ceide@usc.es).

INSCRICIÓN

Programa

29 de abril
9:00 a 13:00 horas: sesión formativa sobre Mobile Journalism e aplicacións MoJo
Tarde: sesión libre para a elaboración de pezas informativas MoJo

30 de abril
9:00 a 13:00 horas: sesión de visionado, revisión e perfeccionamento

Deja un comentario