Santiago de Compostela foi o lugar escollido polos organizadores para celebrar a última sesión da TechBusiness Week 2007, que neste caso trataba o tema Managemente e Sociedade da Información. O evento, promovido pola Fundación Sabiria e organizado polo Foro e-Gallaecia, leva dende o ano 2001 tentando achegar novas perspectivas dinamizadoras sobre a Sociedade da Información asentado na necesidade de evitar que a fenda tecnolóxica da que moitos analistas falan cobre novas vítimas. A TechBusiness Week tenta achegar a funcionalidade das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) á Sociedade da Información para conseguir unha conexión entre os obxectivos e necesidades dos cidadáns e as case inesgotables posibilidades que ofrecen hoxe en día as TIC.
A xornada da mañá concluíu coa comparecencia de Arsenio Escolar, director do xornal gratuíto 20minutos, quen presentou certas liñas seguidas polos usuarios e lectores dos xornais en xeral e do que el dirixe en particular. Escolar defendeu en todo momento a imparcialidade do xornal 20minutos fronte aos poderes político e económico e asegurou que «un redactor do meu medio pode votar a quen queira e pode ter a ideoloxía que prefira, pero o lector ten dereito a que esta non se poña de manifesto nun texto escrito ou nun titular».
Escolar falou na parte final da súa intervención da idea da desaparición da prensa en papel tal e como hoxe a coñecemos. O director de 20 Minutos chegou a asegurar que o novo consumidor de medios vai directo á pantalla, xa non só non merca xornais, senón que tampouco os le en papel. Porén, o xornalista burgalés considera que a prensa en papel ten futuro, tanto os medios de pago coma os gratuítos, sempre e cando evolucionen e acepten as transformacións que a Sociedade da Información impón a través dos seus novos hábitos de consumo de medios de comunicación.