A Directora Xeral de Zeta Dixital considera que na actualidade o consumo de información está a cambiar o panorama mediático. Hoxe en día, existe un bo número de cabeceiras en formato papel que se regalan e a inmediatez, xunto coa personalización dos contidos, mandan no acceso á información por parte das audiencias.
Para Gómez Borreo, os grupos de medios deben traballar nos seus punto fortes (a forza de marca adquirida a través dos anos e a confianza que as audiencias teñen nos seus contidos, por exemplo) para combatir aquelas cuestións que están a poñer en perigo a subsistencia dos formatos tradicionais (a discusión sobre como afrontar a converxencia está a facer que se descuide o negocio, o temor á desaparición do papel e o xornalismo cidadá están a poñer nerviosos aos medios tradicionais…). Pero, cales son as ferramentas que os medios deben empregar para esta loita na que se están a ver envoltos? A inversión en tecnoloxías e en formación e contratación de xornalistas que estean preparados para o traballo con novas linguaxes multimedia e en formatos dixitais.
Os grupos deben adaptar os seus medios aos tempos que corren mediante o traballo coa linguaxe multimedia e cos novos formatos, a través da formación de profesionais que sexan conscientes da importancia de traballar con rutinas e destrezas diferentes para medios distintos e tendo sempre como referente que a situación mediática actual ofrece unha oportunidade de negocio cada día maior (aínda que os lectores dos medios impresos se reducen, as audiencias dos medios dixitais seguen a medrar), que os ingresos por publicidade no sector seguen a subir e que, invertindo en tecnoloxías e profesionais perparados, os medios teñen o presente e o futuro asegurado.