Esta foi unha das moitas e interesantísimas consideracións que fixo o analista estadounidense Rick Edmonds na conferencia organizada por La Voz de Galicia
Rick Edmonds, un dos gurús que traballa no Poynter Institute, estivo esta semana de visita en Galicia e, concretamente, ofreceu unha conferencia no Museo da Prensa da Voz de Galicia baixo o título ‘Os News Media: as grandes transformacios e os grandes retos’. Sen dúbida foi unha ocasión única para coñecer de primeira man a opinión dunha das voces máis contrastadas e autorizadas sobre o tema.
A posible desaparición dos medios impresos tal e como hoxe os coñecemos, o grado de culpabilidade que se lles impón no asunto aos medios dixitais, o papel que xoga a publicidade no asunto e o panorma xeral nos Estados Unidos foron os temas que centraron o encontro.
Notas sobre a conferencia: State of the USA New Media
Rick Edmonds (investigador e analista no Poynter Institute sobre xornalismo e empresa mediática. É co-autor do informe News Media 2006).
Rick Edmonds expuxo, durante unha hora e media, as claves da situación actual, pasado máis próximo e futuro inminente dos medios estadounidenses. O investigador do Poynter Institute trazou as liñas básicas de actuación que rexen os esquemas e dinámicas diarias dos xornais nos Estados Unidos.
O panorama nos Estados Unidos de Norteamérica
O primeiro paso foi debuxar un presente dos xornais impresos e on-line. Edmonds pintou un panorama pouco alentador para os medios impresos, cunha perda media do 5% de ganancias no último ano, cun 3% menos de ciruculación e cunha tendencia á baixa no volume de ingresos por publicidade tradicional (entre o 5% e o 10% menos no ano 2007). A cotización na bolsa dos medios impresos nos Estados Unidos caeu entre un 40% e un 50% no último ano (como foi o caso do New York Times, que perdeu un 50% do seu valor), o que supuxo grandes perdas para uns medios que tratan de reducir custos fixos (principalmente na etapa da distribución) a marchas forzadas. As medidas adoptadas polos xornais estadounidenses resúmense en tres vías de actuación inmediatas:
· Reducir o espazo físico do xornal: para abaratar custos fixos moitos dos medios impresos optaron como primeira medida por reducir o tamaño das súas páxinas para aforrar en papel (como consecuencia reduciuse o espazo dedicado ás noticias).
· Reduciron o persoal de redacción: varios xornais de Dallas, Philadelphia e San Francisco reduciron ata nun 40% os seus recursos humanos. Esta medida, como afirma Rick Edmonds, trazou unha perigosa liña de canibalización da profesión nos Estados Unidos, enchendo as redaccións de xornalistas ávidos de historias sorprendentes e rechamantes que contar, sen reparar moitas veces na carga de realidade que carrexan.
· Nos Estados Unidos manteñen prezos baixos e son reticentes a subir o prezo das súas portadas ante a posibilidade dunha perda masiva de lectores (o New York Times custa 1.25$ e o USA TODAY 0.75$).
Son culpables os medios dixitais?
Pero, pódese buscar algún culpable para xustificar esta evolución tan negativa dos medios impresos? Segundo Edmonds non só se busca, senón que de antemán se sinala co dedo aos medios dixitais e á rede de redes, pero non é a causa de tódolos males que afectan á prensa impresa. Os medios dixitais inflúen en boa medida nas tendencias que afectan aos medios impresos:
· A xente nova non merca os xornais, senón que os le directamente na pantalla (coincidindo, coas mesmas palabras, Edmonds con Arsenio Escolar, director do xornal gratuíto 20minutos, que falaba a semana pasada na nosa facultade do feito de que os rapaces acoden directamente á pantalla para informarse e non len as versións en papel, aínda que sexan gratuítas, como é o caso do medio que dirixe).
· O desembarco masivo dos medios de referencia en Internet fixo que as vendas semanais diminuíran da versión en papel. Agora, moita xente que mercaba o xornal 6 días á semana agora tan só o fai 2 ou 3 e o resto consulta as novas a través de Internet. Isto é posible, en grande medida, grazas ao esforzo que están a facer os xornais impresos en norteamérica por ter unhas versións on-line actualizadas e con múltiples recursos, empregando a multimedialidade en todo o seu esplendor e facendo do seu portal web unha fonte de primeira man para os usuarios de Internet. Ademais tamén inflúe que nos Estados Unidos o 70% dos fogares contan cun servizo de banda ancha (en Corea do Sur a porcentaxe é aínda maior, chegando a un 90% dos fogares equipados con acceso a redes de alta velocidade), no 85% das casas hai un ordenador e tamén contan con banda ancha o 95% dos postos aos que os traballadores estadounidenses acoden a diario para desenvolver a súa labor profesional. Este feito fai que a relación entre a banda ancha e o xornalismo impreso sexa conceptualmente inversa xa que a maior acceso a banda ancha da poboación, máis difícil o teñen os xornais impresos para poder vender exemplares.
Por outra banda, hai outros factores que están a afectar ao papel tradicional dos medios impresos e á súa circulación e distribución: os lectores de bar (aquelas persoas que aproveitan a visita ao bar para tomar o café de media mañá para ler o xornal), as suscripcións ( nos Estados Unidos a canle de distribución por antonomasia son as suscripcións; na cultura norteamericana os xornais chegan á porta da casa; porén, nos últimos tempos esta canle está a verse afectada gravemente por medidas coma a creación de servizos que permiten aos cidadáns non recibir chamadas comerciais contra a súa vontade, polo que os xornais que buscan novos suscriptores teñen que realizar un esforzo moito maior para aumentar as súas ventas por esta vía) e os gratuítos (teñen un peso relativo moito menor ca en Europa pero tamén están a influír na prensa de pago).
Pero, onde están as claves para entender a relación entre os medios impresos e os dixitais en termos económicos? Nos custos fixos e na publicidade. Dos custos fixos, aqueles que afogan aos medios impresos e os obrigan (recordemos) a reducir gasto de papel e recursos humanos, os medios dixitais non oen nin falar debido a que non saben o que custa o papel, nin a impresión, nin a distribución. Porén, no ámbito publicitario mediático estanse a dar situacións cando menos complexas. Por unha banda é claro o papel clave que xogan os ingresos publicitarios para os medios impresos (en Estados Unidos chegan a un 80%, mentres que en Europa calcúlanse en torno a un 50%), pero tamén é patente a baixada de inversión en publicidade nos medios impresos que se está a experimentar . Mentres, nos medios dixitais, os ingresos por publicidade manteñen unha evolución á alza (aínda que este ano esta situación trucouse por unha caída dun 20% nos ingresos por publicidade nos medios dixitais; porén, os expertos afirman que a tendencia a que os ingresos por publicidade nos medios on-line siga medrando nos próximos anos). Rick Edmonds fai unha previsión que califica de aventurada: non será ata o ano 2017, segundo os seus cálculos baseados en estudos previos, cando os ingresos por publicidade dos medios dixitais igualen o seu rango cos ingresos por publicidade dos medios impresos, xa que hoxe en día, os ingresos por este concepto na versión dixital dun medio supoñen o 10% sobre os ingresos totais publicitarios do medio.
Os medios impresos non morrerán
O resultado desta situación é o seguinte: os medios impresos afogan ante a baixada que experimenta a súa circulación e os seus ingresos por publicidade (o que Philip Meyer califica como “expiral mortal para os medios”), mentres que os medios on-line vén como os seus ingresos por concepto de publicidade soben e non padecen custos fixos ante os que claudicar, coméndolle terreo nas ganancias á prensa tradicional. Porén, e aínda que el mesmo pinta un panorama escuro, Rick Edmonds nega rotundamente a posibilidade de que os medios impresos vaian desaparecer nun futuro a medio prazo, nin tan sequera a longo prazo. O experto norteamericano pregúntase se unha industria que no seu país ten 120 millóns de lectores, 57.000 profesionais traballando a diario a xornada completa, conta con 50 millóns de persoas que mercan xornais a diario e xera 50 billóns de dólares por ingresos publicitarios pode dicirse que está en crise. Estas son as fortalezas dunha industria, a dos medios impresos que lonxe de estar preto do seu finamento mantense, con dificultades, iso si, en primeira liña.
Rick Edmonds fala dunha nova estratexia que están a adoptar os medios impresos nos EUA para seguir na loita mediática en postos de cabeza, que se centra nos seguintes puntos:
· En primeiro lugar, como medios impresos, deben fortalecer a súa versión en papel enfatizando e pondo en valor aquela/as característica/as que o diferencian dos demais medios e o fan importante, no sentido individualizador do termo.
· Nos Estados Unidos, os xornais impresos optan por reforzar as publicacións especializadas (en ámbitos coma a moda, a ciencia, as viaxes…), entre as que destacan pola importancia que están a cobrar as publicacións rexionais, unhas das máis rentables e que máis activos publicitarios atraen.
· Idear negocios non tradicionais, innovadores, que conleven un aumento de ingresos sen afectar aos custos fixos en grande medida.
· Por outra banda, os medios impresos deben desenvolver as súas páxinas web e facer dos seus portais un lugar de titulares, onde se informen os usuarios. Deben rexuvenecerse e fortalecer a súa edición en Internet, diminuíndo custos fixos e de distribución, o que farán subir as ganancias.
· Deben ofrecer portais web ben estruturados informativamente, empregando todas aquelas ferramentas multimedia e interactivas das que se poida botar man para darlle á realidade o plus de valor necesario para atraer ao consumidor de medios.
· Unha vez establecidos os titulares nos portais web, os medios impresos deben ofrecer ao día seguinte algo diferente nas súas páxinas, unha profundidade e puntos de vista que marquen a diferenza e fidelicen aos usuarios da web.
· Maximizar o tráfico que chega ao portal a través dos buscadores, xa que son estes a porta de entrada na gran maioría dos casos que os lectores empregan para chegar ás información publicadas na rede. Neste punto convén falar da porta traseira que supoñen os buscadores para os medios dixitais, xa que é comparativamente moi baixa a porcentaxe de usuarios que accede ás noticias a través da portada fronte a aquela porcentaxe de internautas que chegan ao sitio web a través de buscas concretas en servizos coma o de Google ou Yahoo, polo que son estes os que acaparan os valores publicitarios e non os xornais.
Temos, entón, un panorama cuberto por medios impresos enfermos, pero non terminais, e medios on-line que aínda teñen que madurar e establecer modelos de negocio máis consolidados. Segundo Rick Edmonds , faise necesaria unha evolución cara unha natureza complementaria por ámbalas dúas partes para que a sosteñibilidade e prosperidade estea asegurada.