O profesor do departamento de CC. da Comunicación releva a Xosé López á fronte do equipo tras recibir o apoio unánime dos integrantes que participaron na votación
O profesor Xosé Pereira Fariña foi elixido novo coordinador do grupo de investigación Novos Medios, posto no que substitúe o profesor Xosé López. A elección produciuse co apoio unánime de todos os integrantes do grupo que participaron na votación.
Pereira Fariña, na actualidade profesor titular de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, mantén unha vinculación con Novos Medios desde os seus inicios como bolseiro de investigación, un percorrido que o leva agora a asumir a coordinación do equipo.
A súa traxectoria investigadora desenvolveuse sempre arredor do xornalismo concibido para as plataformas dixitais. Nunha primeira etapa (1999-2004), o obxecto fundamental de estudo foi a produción informativa, cunha atención particular ás narrativas e ás estruturas de construción do relato xornalístico nos proxectos dixitais, daquela reducidos case exclusivamente aos chamados portais web. Nesa fase participou en dous proxectos de investigación e asinou como coautor máis dunha vintena de publicacións.
Entre 2004 e 2010 o foco desprazouse cara aos modelos de recepción, nun período que coincidiu coa emerxencia das redes sociais. Foi entón cando Novos Medios abriu dúas novas liñas de traballo: a vinculada ao paradigma de usos e gratificacións e a relativa á xestión dos datos achegados polos usuarios a través da experiencia de consumo informativo e de entretemento. Ao longo desa década formou parte do equipo investigador de dous proxectos e participou na autoría dunha ducia de publicacións.
A terceira etapa da súa traxectoria estivo marcada por unha dedicación intensa á xestión universitaria —con responsabilidades como decano e como vicerreitor—, mentres que no plano investigador a atención se centrou na xestión da información e dos datos, con publicacións arredor do uso de ferramentas por parte dos xornalistas, da arquitectura da información e da construción de modelos de Big Data de interese para a profesión e para a empresa xornalística.
Entre 2017 e 2025 desenvolveu a súa actividade principal fóra da universidade, como responsable de Innovación da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG/CSAG), onde dirixiu o proceso de transformación dixital das canles da entidade, con especial incidencia na creación da plataforma Agalega.gal e na comunicación a través das redes sociais. Tamén foi o responsable da análise das audiencias da Corporación e da comercialización dos espazos publicitarios dos medios públicos galegos.
Desde agosto de 2025 retomou a actividade académica na USC. A súa liña de investigación actual céntrase na alfabetización mediática, entendida como a competencia necesaria para que a cidadanía interprete, avalíe e produza información de xeito crítico nun ecosistema dixital cada vez máis complexo.