Unha conversa sobre gráficos e multimedia no New York Times

Na viaxe que realizamos recentemente aos Estados Unidos, tivemos a oportunidade de visitar o New York Times e entrevistarnos con dúas persoas claves para comprender o actual liderazgo en innovación do nytimes.com, a edición electrónica do emblemático e influínte xornal. Tratábase de Steve Duenes, editor de Gráficos e Andrew DeVigal, o editor de multimedia, mercé á intercesión de Xaquín González, Xocas, un infografista que está a traballar na área de gráficos do NYT, adaptando os gráficos de papel ao contorno web. Desa experiencia, editamos 17 minutos de vídeo con fragmentos relevantes que te poden interesar.

Nas interesantísimas e longas entrevistas con Duenes e DeVigal, puidemos reflexionar con eles sobre este proceso de cambio dun xornal tan complexo coma o New York Times. Nos últimos tres anos, a redacción comezou a vivir un interesante proceso de transformación: elimináronse xerarquías intermedias e todas as áreas comezaron a traballar dunha forma máis aberta e descentralizada, por unha banda, e pola outra entrou na redacción numerosa xente nova de perfís non xornalísticos, senón máis ben técnicos: programadores, especialistas en deseño web, etc. Ese proceso tivo dúas consecuencias para o xornal: a primeira foi un incremento de produción en todas as áreas máis artesanas (e multimedia, gráficos e a web o son) ata niveis moi elevados. «Somos capaces de publicar multimedia», dinos DeVigal, «de xeito habitual, diaria ou semanalmente». Pero tamén tivo contrapartidas, como nos sinalou Steve Duenes: toda a xente con eses novos perfís carece de formación xornalística e iso limita bastante a execución dalgunhas historias. Unha pura historia das consecuencias da evolución dos medios, cos seus achados e contradicións.

Duenes e DeVigal afrontan cunha receita clásica e moita apertura de miras o futuro do xornalismo. «It’s all about content», asegura DeVigal cando se lle pregunta que é o que distinguirá aos medios nun contexto de sobreabundancia informativa. Os multimedias do New York Times fanse con xornalistas radiofónicos, reclutados na radio pública, que a base de Audacity, editan, reeditan e traballan o audio para conseguir un discurso directo, sinxelo e claro nas fontes. Pura paciencia. Pero os cambios, benvidos sexan: «Os programadores están a cambiar a nosa visión da narración de historias». Para o futuro inmediato, DeVigal ve dúas direccións: a sala de estar e o teléfono móbil. «Xa estamos deseñando historias para ser vistas nunha televisión interactiva, nunha sala de estar», asegura DeVigal, «pero tamén queremos velas aquí [sinala o seu iPhone], malia que aínda non teñamos un xeito de facer economicamente sustentábel as experiencias móbiles. Sei que hai diñeiro, pero aínda non sabemos onde».

Deja un comentario