Vilariño Picos, Mª Teresa e Anxo Abuín González (comps.): Teoría del hipertexto. La literatura en la era electrónica, Madrid, Arco/Libros, 2006, 316.
Hiperficción, hipernovela, hiperrelato, ficción hipermedia, ficción interactiva, cibertexto e, seguramente, algún que outro termo ou expresión para tentar definir a experiencia literaria de creación que describen e nos sumerxen, cunhas ferramentas e uns formatos específicos, na idiosincrasia da era dixital. O hipertexto e o ciberespazo convírtense nun entorno no que se produce unha rutinaria guerra cultural entre a tradición impresa e a xestación dunha estructura de narración tecnolóxicamente diferente. O obxectivo estaría en asentar as claves identificativas dunha literatura ergódica, en palabras de Espen Aarseth, que se plasmaría a través de técnicas de saltos, fragmentacións, diversidade de puntos de vista, multiplicidade de asuntos, bifurcacións, cambios de escenarios, laberintos, simulacións, combinacións, modelos aleatorios, rupturas temporais, lineais, secuenciais, conexións e enlaces. Todo un conglomerado de palabras que se misturan para asentar unha morfoloxía da ou das narrativa/s hipertextual/is. Albíscanse novos xéneros ou modalidades expresivas, con espazos de creación e de lectura distintos, con outros modelos de textualidade ou, en todo caso, reflexa un sinxelo proceso hermenéutico do modo de producción e consumo que nos resulta familiar. O obxectivo é a implementación de formas discursivas que se actualicen, axeitándose a un sistema de caos ou desorde.
Os sete documentos, seleccionados por Teresa Vilariño e Anxo Abuín, están asinados por estudiosos dos fluxos de patróns que vinculan literatura e hipertexto, pioneiros neste eido de investigación e que xa deixaron as súas pegadas en diversos traballos teóricos en torno á tecnoloxía hipertextual e as súas modalidades expresivas. E, a pesar, da antigüedade da maioría dos textos, publicados orixinariamente entre 1991 e 1997 –e máis na sociedade da información e o coñecemento- permite vislumbrar a continuidade de interrogantes e de aspectos que se inscriben na dicotomía e dialéctica dunha estética de escritura hipermedia que concita no seu redor defensores e detractores dun sistema textual, basado non en rupturas, senón en estratexias de suma de experimentación e recreación.
En cada unha das aportaciónes hai referencias ás vangardas intelectuais do século XX, tanto nas artes plásticas como nas literarias. Presupostos, parafraseando a Michel Foucault en La Arqueología del Saber, atrapados nun sistema de referencias, nunha rede intertextual de términos que se implican mutuamente. Nesta especie de rede proteiforme, apuntada por Ted Nelson, establecer cuestións como texto, obra, autor, lector, creación, lectura, escritura, itinerarios, relato, ficción, navegación, intriga, narración, personaxes, fragmentariedade e escenarios significa retomar as innovacións do século anterior, formando e desfacendo na procura de novos inventos, nun camiño de reconfiguracións sen fin, en percorridos que se bifurcan e xiran, con personaxes que están e desaparecen, sen seguridades, sen finais, sen tramas claras e perfiladas, con relecturas e reinterpretacións. Sempre buscando o límite pero sen poñerlle fin. Hai unha difuminación dos actores que, ata o de agora, interviñan na concepción da teoría literaria. Todo se cuestiona. Todo se renova.
As aportacións de Paul Delany e George P. Landow, Jean Clément, Espen Aarseth, Susana Pajares, Stuart Moulthrop, Michael Joyce, Jane Yellowlees Douglas e Jay David Bolter xogan coas novidades, cós reinventos e cos experimentos. Non abandonan a historia da literatura polo que reelaboran e conectan, tentando sentar as bases dun compromiso creativo e alternativo sobre os rasgos literarios dos cibertextos.
Citas:
1. “El hipertexto propone al lector una nueva relación con la obra y con el autor, que carece de medios para imponerse y tan sólo puede, modestamente, intentar satisfacer nuestro deseo efímero de seguirlo. La literatura deja de tomarse en serio y se vuelve juego”. En Jean Clément: El hipertexto de ficción: ¿nacimiento de un nuevo género? (páxina 86)
2. “El cibertexto es en gran medida obra en continuidad, en consonancia con las pautas y ritmos de las industrias de la información. Particularmente desde el despegue de la red, los cambios en la técnica de la escritura interactiva han sido implacables. En Stuart Moulthrop: Retroceder: la vida y la escritura en el espacio roto (páxina 177).
3. “El hipertexto es una lectura y una escritura en un orden que se escoge, en el que esas elecciones modifican la naturaleza de lo que se lee”. En Michael Joyce: Érase una vez en varias veces: relectura de la ficción hipertextual (páxina 185)
4. La ficción interactiva nos promete (o amenaza) rehacer tanto la escritura como la lectura, y en esta reelaboración los hipertextos concebidos expresamente para el ordenador parecen ir más allá que sus precursores impresos. El ordenador ofrece al lector la oportunidad de intervenir en el texto […]”. En Jay David Bolter: Ficción interactiva (páxina 287)
M.O.L