Miguel Túñez dirixirá a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa

O profesor Miguel Túñez López, membro de Novos Medios, dirixirá a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa, creada mediante un convenio recentemente firmado polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e o presidente de Radio Televisión Española (RTVE), José Manuel Pérez Tornero. A comisión de seguimento propuxo ao profesor Túñez López para liderar este proxecto, medida que o reitor asinará nos próximos días.

Esta cátedra ten como obxectivo a investigación aplicada á evolución destes medios, así como ao concepto de valor público. “A cátedra traballará nunha definición deste concepto, cales son os indicadores que o definen e en facer propostas a RTVE para avanzar neste ámbito”, sinalou o profesor Túñez logo da firma do convenio.

O reitor amosouse agradecido a RTVE por elixir a USC como socia estratéxica a través dunha cátedra, o que supón “vocación de permanencia”. Ademais, Antonio López quixo subliñar a implicación da Facultade de Ciencias da Comunicación pola súa oferta educativa e capacidade investigadora “con grupos novos e potentes”.

Pola súa parte, o presidente de RTVE destacou no acto que “precisamos facer xornalismo de calidade, o que implica unha reflexión previa sobre o labor que se fai neste ámbito”, engadiu. “A idea de desenvolver unha cátedra entronca coa aspiración de crear unha Rede de excelencia coas universidades que axude á transformación do servizo público”, destacou tamén o presidente de RTVE. Da USC como socia no marco desta cátedra, destacou o prestixio, a calidade, e a súa posición destacada no mapa universitario.

Máis información