Informar sobre o radón: claves para unha comunicación correcta e efectiva
Como comunicar información sobre gas radon sen alarmar á cidadanía ou onde buscar información de fontes fiables son algunhas das preguntas ás que dá resposta Comunicar sobre radon: guía para profesionales de la comunicación, elaborada polo grupo de investigación Novos Medios baixo a coordinación da catedrática Berta García Orosa.
O documento aborda a comunicación do gas radon dende diferentes perspectivas. En primeiro lugar, ofrece información básica e de contexto sobre o gas: que é, como se forma, as zonas de maior incidencia e os aspectos relacionados coa saúde e as medidas de prevención e mitigación. Ademais, inclúe fontes básicas que se deben consultar ao investigar o tema.
A guía tamén trata como realizar unha procura efectiva en Internet e nos modelos conversacionais, como ChatGPT, aos que habitualmente se recorre para buscar información vencellada á saúde e que en moitos casos devolve datos incorrectos ou inexactos.
Así mesmo, como elemento central da guía, abórdase como comunicar correctamente sobre o radon. Destácase a necesidade de transmitir este risco de forma que a sociedade se conciencie sen crear alarma, e sinalan os aspectos esenciais para que a comunicación sexa efectiva. Tamén se ofrecen instrucións específicas sobre como comunicar en redes sociais e loitar contra a desinformación existente neste ámbito.
A guía culmina cun decálogo de boas prácticas para comunicar de forma correcta e efectiva sobre o radon, resumindo as principais ideas abordadas no documento.
Esta guía preséntase en dous formatos: un máis extenso e outro en forma de tríptico coas ideas principais. Ambos documentos son de acceso libre e gratuíto na súa versión dixital, dispoñibles para consulta e descarga. A súa creación nace baixo o paraugas do proxecto financiado polo Consello de Seguridade Nuclear: Radón en España: percepción da opinión pública, axenda mediática e comunicación do risco (RAPAC)