Comeza o Máster en Xornalismo e IA no que participa un amplo número de docentes do grupo Novos Medios
Este martes 17 de setembro comeza a primeira edición do Máster de Formación Permanente en Xornalismo e Intelixencia Artificial, unha oferta educativa organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, RTVE Instituto, e a Fundació Universitat Politècnica de Catalunya, que recolle as mellores experiencias de cada unha destas institución en relación con esta tecnoloxía. O obxectivo é preparar ao alumnado para afrontar os novos desafíos da era dixital, cubrindo así o baleiro existente na formación universitaria española.
Este Máster, que conta cunha ampla participación de profesorado da Universidade de Santiago de Compostela e do grupo Novos Medios, incluirá obradoiros en liña a través da plataforma Haz, nos que se incorporarán enfoques destinados a familiarizar ao alumnado coas novas técnicas de Intelixencia Artificial aplicadas á elaboración de noticias e ao tratamento informativo que esixen as novas formas de comunicación e o exercicio do xornalismo.
Os 10 mellores estudantes poderán acceder a un período de prácticas en RTVE, mentres que todo o alumnado matriculado participará nun módulo de MediaLab de casos prácticos extraídos do coñecemento e experiencia das tres institucións organizadoras do Máster. O obxectivo é preparar ao alumnado para perfís profesionais altamente competitivos no campo do Xornalismo e a Comunicación Audiovisual.
O equipo docente está composto por profesionais con alta cualificación da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundació Universitat Politècnica de Catalunya e RTVE Instituto. Esta colaboración entre institucións académicas e líderes do sector garante unha formación actualizada e especializada, que tamén incluirá sesións educativas impartidas por directivos do ámbito empresarial.
Información completa do Máster