A figura do exoxornalista e os perfís profesionais no ámbito da IA son estudados nun artigo publicado por un investigador do grupo Novos Medios

O investigador do grupo Novos Medios César Fieiras Ceide publica xunto cos académicos María José Ufarte Ruiz e Francisco Murcia Verdú, da Universidade de Castela-A Mancha (UCLM), un artigo na Revista de Comunicación da Universidade de Piura (Q1 Scopus), onde exploran os novos perfís profesionais no ámbito da intelixencia artificial aplicada ao xornalismo.

Este estudo, titulado «Características dos exoxornalistas españois: novo perfil profesional na era da intelixencia artificial», revela que non existe un único perfil para quen traballa con intelixencia artificial no xornalismo, senón que os exoxornalistas españois que interactúan con estas tecnoloxías amosan unha diversidade de competencias técnicas e lingüísticas. Estas habilidades permítenlles documentar, verificar e xerar contidos desde unha lóxica transmedia e desde diferentes enfoques, adaptándose aos retos actuais da comunicación.

A investigación desenvolveuse a partir dunha triangulación metodolóxica que combina técnicas cualitativas e cuantitativas. Nunha primeira fase, realizáronse entrevistas semiestruturadas a profesores universitarios expertos no tema e a xornalistas de recoñecida traxectoria. Estas entrevistas centráronse en tres áreas clave: habilidades e competencias, novos perfís profesionais e a transformación das redaccións xornalísticas.

Nunha segunda fase, realizouse unha observación participante na redacción de Newtral, un medio pioneiro no uso de sistemas de verificación baseados en intelixencia artificial. Esta observación permitiu profundar nas competencias específicas dos traballadores que desenvolven contidos automatizados nun entorno altamente tecnolóxico.

Finalmente, difundiuse un cuestionario entre os integrantes da redacción de Newtral, co obxectivo de analizar as rutinas e tarefas que realizan a diario e estudar as competencias técnicas e lingüísticas necesarias para o desenvolvemento de contidos automatizados.

Así mesmo, conclúese que a transformación laboral no xornalismo é irreversible e está marcada pola necesidade de adquirir novas competencias técnicas relacionadas coa intelixencia artificial. Os xornalistas do futuro deberán dominar tecnoloxías emerxentes como o Machine Learning e o Deep Learning, así como comprender a linguaxe computacional para maximizar o uso e o funcionamento dos algoritmos que crean contidos automatizados.

Esta capacitación non está sendo promovida de maneira sistemática polas organizacións mediáticas, e son os propios xornalistas quen, en grande medida, están asumindo a responsabilidade de formarse pola súa conta. De feito, o 40% dos enquisados nesta investigación sinalou que a súa especialización nestas áreas foi maioritariamente autodidacta, o que evidencia un reto importante para o sector mediático en termos de formación e adaptación ás novas tecnoloxías.

Link ao artigo completo

Referencia: Ufarte Ruiz, M. J., Murcia Verdú, F. J., & Fieiras Ceide, C. (2024). Características de los exoperiodistas españoles: nuevo perfil profesional en la era de la inteligencia artificial. Revista De Comunicación23(2), 345–362. https://doi.org/10.26441/RC23.2-2024-3519