Un informe do Poynter constata que nas sociedades actuais “hai interese polas noticias”
“Hai algúns motivos para o optimismo sobre o futuro do xornalismo”, segundo indica o informe OnPoynt, elaborado por un equipo de expertos do Poynter Institute norteamericano e que vén de publicarse nesta primeira semana de setembro de 2024.
Este estudo, unha radiografía sobre o panorama actual das organizacións de noticias e o papel do xornalismo na sociedade, sostén que, se ben son tempos de profundos cambios no sector da comunicación, con moitos problemas e desafíos, hai moita creatividade no sector e moitas cousas que se están facendo ben.
O estudo estima que os xornalistas teñen que ampliar as súas perspectivas sobre como servir ás audiencias, máis aló de ofrecer contido tradicional”. Un dos autores do informe, Tom Jones, sostén que “hai profundo interese polas noticias” e que “a xente está interesa nunha variedade de cousas, de tipos de información local e doutras cousas”.
Neste estudo, titulado “Values Rising: Trends and traction in journalism and the news industry, a report from The Poynter Institute”, tamén se apunta que hai razóns fundadas para as preocupacións que teñen os responsables das organizacións de noticias polas dificultades que atravesan as súas empresas, pero mantén que hai motivos para a esperanza e que todo apunta a que, no caso de que a industria das noticias afronte ben os desafíos actuais, volverán os bos tempos para o xornalismo, moi necesario para que os cidadáns teñan boa información e para o bo funcionamento das sociedades democráticas e plurais.
Máis información en: https://www.poynter.org/onpoynt-report/